Carballo é un dos 85 concellos que participa no programa "Liberdade de ser e sentir", impulsado polas áreas de Igualdade e Cultura da Deputación
Martes 8 de xuño do 2021
Un total de 85 concellos e 15 entidades, entre as que figura o Concello de Carballo, participan na campaña "Liberdade de ser e sentir", impulsada pola Deputación da Coruña, por medio das súas áreas de Igualdade e Cultura, para conmemorar o Día das Diversidades Sexuais cun programa que este ano se prolonga ao longo de todo o mes de xuño.
A deputada María Muíño destacou a pluralidade de propostas, deseñadas en colaboración coas entidades, que "ofrecerán ferramentas e materiais para utilizar durante todo o ano e sumar miradas inclusivas para avanzar nunha sociedade máis tolerante e igualitaria". Neste sentido, o programa inclúe actividades para todos os públicos, desde un conto infantil que será difundido en aberto na rede até pílulas informativas para expandir unha mensaxe igualitaria, conversas públicas con representantes das entidades que defenden dereitos dos colectivos ou a proxección do audiovisual "Noite Irisada" en doce concellos da Coruña, entre eles o noso este venres 11.
Ademais, a Deputación da Coruña organiza o congreso "A memoria diversa", que ten como obxectivo recuperar e reivindicar a memoria histórica do colectivo LGBTIQA+ en Galicia e da necesidade de darlle visibilidade a aquelas persoas vítimas da represión por cuestións de orientación ou identidade de xénero .O deputado de Cultura, Xurxo Couto, destaca que o congreso "conta con especialistas e protagonistas do movemento en defensa dos dereitos sexuais e as diversidades e recupera a memoria dun colectivo de especial relevancia na nosa das loitas polas liberdades e a igualdade". Xunto co congreso, o programa incluirá a publicación dun libro elaborado pola escritora Eva Mejuto con 12 entrevistas a activistas do movemento.
Máis información, nas ligazóns inferiores.