Inicio Carballo ao día Hemeroteca A empresa de Holanda que realizou varias...

BUSCAN PROFESIONAIS DE ELECTRICIDADE, CARPINTARIA E FONTANARÍA

A empresa de Holanda que realizou varias seleccións de persoal en Carballo no ano 2017 recorre de novo á Bolsa de Traballo do Concello

Á parte da construción, a hostalaría é o sector que xera máis ofertas de emprego nestes momentos

Xoves 3 de xuño do 2021 Carballo ao día

A demanda de persoal para o sector da construción non é exclusiva da nosa contorna, nin de Galicia, senón tamén doutros países. Un deles é Holanda, dende onde veñen de facernos chegar, a través da Bolsa de Traballo do Concello de Carballo, unha oferta para contratar profesionais da construción que queiran traballar nese país.

Non é a primeira vez que dende Holanda solicitan persoal á BDT, e xa no ano 2017 se realizaron varias seleccións en Carballo, mesmo utilizando as instalacións do Fórum. Naquela ocasión demandábanse profesionais da fontanaría, pero agora, ademais, precísanse tamén electricistas e carpinteiros/as, oficiais de 1ª e 2ª e cunha experiencia mínima de tres anos.

O sector da construción está a vivir un auxe naquel país, tanto para proxectos comerciais coma residenciais, e precísase man de obra cualificada. Tamén se valorará, aínda que non é imprescindible, o coñecemento da lingua inglesa.

A empresa corre con todos os gastos, tanto de desprazamento coma de aloxamento. Antes de empezar a traballar os profesionais deben realizar un curso de prevención de riscos específico e asígnaselles un número de identificación fiscal para que poidan asinar o contrato.

As persoas interesadas deben poñerse en contacto canto antes coa BDT, ben no 2º andar do Fórum Carballo ou ben a través do número de teléfono 981 709 011.

Hostalaría

Ademais da construción, outro sector no que hai moita demanda de man de obra é a hostalaría. Nestes momentos na Bolsa de Traballo do Concello de Carballo están abertos procesos de selección de pinches de cociña e camareiros/as para traballar a media xornada ou como extras, sobre todo. As persoas interesadas poden chamar tamén ao 981 709 011.

Compartir: