Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo destina outros 3...

PLENO ORDINARIO

O Concello de Carballo destina outros 3 millóns de euros do remanente a novos investimentos

A concelleira María Torres Pose formalizou a súa renuncia como membro do grupo municipal socialista

Martes 1 de xuño do 2021 Carballo ao día

A corporación municipal aprobou na sesión ordinaria deste luns 31 de maio, que se prolongou durante algo máis de dúas horas, unha modificación orzamentaria por importe de 3.133.956,31 euros, procedentes do remanente líquido de tesourería para gastos xerais, que se destinarán a financiar novos investimentos. A proposta do goberno do BNG, que saíu adiante coas abstencións dos grupos da oposición, inclúe as seguintes actuacións:

  • Acondicionamento de aparcadoiros: 129.161,73 euros
  • Campaña de difusión e sensibilización da compostaxe na zona rural: 17.242,50 euros
  • Maquinaria e utillaxe para o cemiterio: 3.000 euros
  • Novo parque canino: 24.200 euros
  • Centro social en Xoane (Goiáns): 354.958,20 euros
  • Nova musealización do Museo de Bergantiños: 145.069,93 euros
  • Reurbanización da rúa Estrela: 145.733,60 euros
  • Reurbanización da rúa Lugo: 39.837,90 euros
  • Reurbanización da rúa Chile: 64.246,20 euros
  • Plan de mellora dos asfaltados na zona urbana: 233.354,83 euros
  • Plan de mantemento da rede viaria na zona rural: 506.904,54 euros
  • Investimento en terreos: 300.000 euros
  • Mellora da rede de abastecemento da rúa Vázquez de Parga: 42.719,04 euros
  • Mellora das infraestruturas en Razo-Baldaio (pasarelas de madeira): 175.000 euros
  • Melloras no CEIP Gándara-Sofán: 216.286,66 euros
  • Melloras nos centros de ensino CEIP Fogar e escola de Queo: 45.700 euros
  • Mellora do auditorio do Pazo da Cultura: 633.556 euros
  • Renovación da cuberta do graderío do campo de fútbol As Eiroas: 56.985,18 euros

Terra Galega presentou dúas mocións que foron rexeitadas, unha na que solicitaba a substitución dos bolardos por cámaras de vídeo-vixilancia e outra na que pedía que se refixesen varias rotondas. O BNG votou en contra de ámbalas dúas e o PSOE abstívose. O concelleiro de Mobilidade explicou con respecto á primeira, que o obxectivo dos bolardos é impedir o paso de vehículos para garantir a seguridade peonil, o que non se conseguiría coas cámaras, e sobre a segunda dixo que as rotondas deben adaptarse ao espazo no que se sitúan, que está demostrado que garanten a fluidez do tráfico e que en todo caso son rebasables precisamente por iso.

Tamén o BNG presentou unha moción, neste caso relacionada co sector eólico, que foi aprobada malia os votos en contra de PP e TeGa. O PSOE abstívose, despois de presentar unha proposta de modificación que foi rexeitada. O Concello de Carballo insta á Xunta a desenvolver e aprobar un novo marco que regule o sector eólico para incrementar as garantías sociais, económicas e medioambientais, así como un novo plan sectorial eólico; dar rango de lei ao impulso de plans de desenvolvemento industrial asociados ás novas instalacións, impulsar medidas para garantir a socialización dos proxectos e incrementar a vixilancia medioambiental, principalmente.

Renuncia de María Torres

María Torres, ao remate do pleno

María Torres, ao remate do pleno no que presentou a súa renuncia

No pleno deste luns 31 tamén se formalizou a renuncia de María Torres Pose como concelleira do grupo socialista. O alcalde agradeceu o seu “compromiso coa corporación e a súa lealdade co Concello de Carballo”, ademais de desexarlle “o mellor”. A este desexo uníronse o resto dos grupos, e a súa compañeira Mari Carmen Vila agradeceulle, ademais, o labor que desenvolveu ao longo destes dous anos e as súas achegas. “A súa riqueza foi moi enriquecedora, e lamentamos que o deixe, pero tamén nos congratulamos de que inicie unha nova etapa profesional que estamos seguros que vai ser moi exitosa”, indicou.

María Torres quixo agradecer “o tratamento que tiven. Por circunstancias, cando non se pode exercer a responsabilidade como gustaría, hai que cedeu o espazo a xente que poida facelo. Marcho con certa pena, pero tamén co orgullo de representar á veciñanza durante estes dous anos”, e non quixo despedirse sen convidar aos compañeiros e compañeiras de corporación a fomentar o debate político sobre cuestións que, aínda que non sempre sexan de competencia municipal, afectan e preocupan á cidadanía. A petición do alcalde, a concelleira foi despedida cun aplauso.

No apartado de rogos e preguntas, TeGa presentou cuestións relacionadas cos proxectos de urbanismo táctico e o polígono industrial de Bértoa, entre outras.

Compartir: