A rapazada carballesa aprende sobre medio ambiente, deporte e natureza a través do surf
Alumnos e alumnas do CEIP Plurilingüe A Cristina desprazáronse hoxe ata Razo para realizar o seu bautismo de surf
Luns 31 de maio do 2021 Carballo ao día
Os nenos e nenas de Carballo aprenden dende o mes de marzo sobre medio ambiente, integración social, protección da natureza, deporte ou benestar e todo grazas ao surf. Isto é posible a través do proxecto Aprende a través do surfing, promovido pola Federación Española de Surf e o colectivo Surf and Clean, coa colaboración do Concello de Carballo e a Deputación da Coruña. Os centros de ensino carballeses CEIP Nétoma-Razo, CEIP Gándara-Sofán, CEIP A Cristina e CEIP Xesús San Luís Romero son catro dos quince colexios galegos que participan nesta iniciativa que está estreitamente ligada ao traballo que se está a desenvolver para conseguir a declaración da Costa da Morte como Reserva Mundial de Surf. A escola oficial de surf Boaola é a encargada do desenvolvemento do proxecto en Carballo.
A iniciativa incluíu traballo nas propias instalacións dos centros de ensino, así como a través dunha plataforma online, para poder despois levar á rapazada á praia e que entraran en contacto co mar. Precisamente este luns 31 de maio nenas e nenos de 6º de Primaria do CEIP A Cristina foron ata a praia de Razo para poder realizar o seu bautismo de surf. A directora do centro, Manuela Becerra Castro, explica que as nenas e nenos aprenden sobre o “coidado do mar e dos océanos” e tamén “sobre si mesmos e sobre a natureza” a través do surf. Durante os próximos días e até o 4 de xuño todo o alumnado de Primaria do centro terá a oportunidade de coñecer as ondas de Carballo, sempre respectando as medidas de seguridade COVID a través de grupos burbulla.
Unha experiencia moi divertida
As nenas e nenos que xa tiveron a oportunidade de probar as ondas estaban entusiasmados, non só por poder escapar do cole por unhas horas, como admitían, senón porque, como explica Daniela “é moi divertido”.
Para Sheila o mellor foron as ondas “que viñan grandes, dábanlle a volta da táboa e caías”, e para Ainara os profes que foron “moi bos e moi guais”. Martín tamén lembrou que xa no colexio “ensináronnos a poñernos enriba da táboa e a utilizar as cousas do surf”. Lucía lembrou a importancia de non tirar o lixo, xa que, aproveitando os bautismos na praia, aprenden tamén a recoller os refugallos da area e a importancia de manter as praias limpas.
Fomentar a cultura acuática e marítima, mellorar a seguridade nas praias, crear un vínculo co mar que permita comprender mellor a súa relevancia, recoñecer as ondas coma un ben de gran valor para a comunidade, crear unha rede do mar, introducir no ensino a perspectiva de medio ambiente e transformación social e formar axentes de cambio que axuden á sociedade a facer unha transición cara unha forma de vida máis sostible son os grandes e ambiciosos obxectivos desta proposta educativa, que, como indica David Blanco, un dos seus coordinadores, “ofrece unha perspectiva de medio ambiente e transformación social a través da cultura do surfing”.
Surfea Carballo
Precisamente, con esta perspectiva global do surf, o Concello desenvolveu durante os meses de abril e maio a iniciativa “Surfea Carballo” para convidar a todas as surfeiras e surfeiros ou a calquera persoa interesada en coñecer este deporte a pasar unha semana de surf gratis en Carballo. Así, xa que Carballo forma parte da candidatura conxunta da Costa da Morte para converterse en Reserva Mundial de Surf, dada a presenza no municipio de cinco escolas de surf, así como da práctica habitual deste deporte nas praias carballesas, o obxectivo da campaña foi o de reforzar a presenza do municipio como espazo para practicar o surf e contribuír a promocionalo alén das fronteiras do Concello.
Novo mural para o CEIP A Cristina
Ademais, e co gallo do desenvolvemento esta semana dos bautismos de surf no CEIP A Cristina, a súa directora, Manuela Becerra, quixo falar tamén dun proxecto de arte urbana que se está desenvolvendo no centro e co que colabora o Concello de Carballo achegando as pinturas e o material. Trátase da creación dun mural sobre a Igualdade no patio, nunha das paredes do ximnasio. Estaba previsto realizalo o pasado curso, pero a COVID impediuno, e agora dous artistas locais, Mon Lendoiro e Cristina Castro, retoman o proxecto. Neste momento xa comezaron a traballar e xa que o 3 de xuño comeza o Rexenera Fest, festival de arte pública do Concello de Carballo, durante esa semana as nenas e nenos do centro pintarán tamén os seus debuxos no patio baixo a supervisión de Lendoiro e Castro.
Respecto da temática do mural. Lendoiro sinala que é a “diversidade”, e que o obxectivo é transmitir a mensaxe de que “aínda que todos somos diferentes, todos somos iguais e temos os mesmos dereitos”, tanto no que respecta ao aspecto físico como á forma de ser. Por iso, en forma de arco, o mural representará a un amplo grupo de nenas e nenos, todos diferentes, pero todos iguais no máis importante.