A MOSTRA ESTARÁ DURANTE O MES DE XUÑO NA PRAZA DO CONCELLO
O trolebús volverá a "circular" entre Carballo e A Coruña grazas á exposición "50 anos sen troles"
Os alcaldes de Carballo, A Laracha e Arteixo, e o concelleiro de Mobilidade da Coruña, participaron no acto de inauguración
Sábado 29 de maio do 2021 Carballo ao día
Coincidindo co 50º aniversario da súa última viaxe entre Carballo e A Coruña, o trolebús sae do seu esquecemento para volver a “circular” polos catro concellos nos que foi o principal medio de comunicación durante moitos anos. Este venres, na inauguración da exposición itinerante “50 anos sen troles”, iniciativa da Asociación Cultural Lumieira e o Concello de Carballo, eses catro concellos estiveron representados polos alcaldes da Laracha, José Manuel López, e Arteixo, Carlos Calvelo, ademais do carballés Evencio Ferrero; así coma polo concelleiro de Mobilidade da Coruña, Juan Díaz Villoslada.
A rúa Colón serviu de escenario para o acto, que abriu a concelleira Belén Lendoiro lembrando a relevancia do trolebús “para o desenvolvemento dos catro concellos polos que pasaba”. Belén Lendoiro vinculou esta exposición co libro “Trolebús”, publicado tamén por Lumieira, coa colaboración da empresa de transporte Arriva e o Concello de Carballo, hai vinte anos, e destacou a importancia deste tipo de iniciativas para dar a coñecer, “sobre todo á xente nova, o percorrido histórico das vilas, a súa evolución cara o mundo actual”.
O historiador Xan Fraga, que leva varias décadas recompilando material sobre o trolebús, que foi o autor do libro ao que aludiu Belén Lendoiro e que tamén é o comisario desta exposición, lembrou a todo o persoal que traballou nos Trolebuses Coruña-Carballo e dun xeito especial ao seu fundador, Enrique Sánchez Rodríguez, e á súa familia, sen saber que parte dela se atopaba se desprazara expresamente a Carballo para asistir á inauguración e que se atopaba entre o público. “Este empresa foi realmente extraordinaria, non só no caso de Carballo ou de Galicia, senón de todo o Estado, porque se constitúe en 1940, cando España acaba de saír dunha guerra civil, nunha época de miseria e de escaseza”. Xan Fraga subliñou que Carballo, xunto con Bilbao e Barcelona, foron os primeiros lugares de España en contar con liña de trolebús, e que a estrada Carballo-A Coruña foi a primeira electrificada de todo o Estado.
Despois de facer un percorrido pola historia dos trolebuses e dar a coñecer todo tipo de datos, datas e anécdotas, Xan Fraga reivindicou o trolebús como un medio “racional e pouco agresivo” e lamentou que no seu momento non fose posible adquirir para o patrimonio local o último trolebús.
O alcalde de Carballo, que pechou o concorrido acto, lembrou os tempos nos que se desprazaba á Coruña a diario en trolebús para estudar, e destacou que Carballo, A Laracha, Arteixo e A Coruña foron concellos pioneiros no seu momento grazas “ao empresariado que apostou decididamente por Carballo, e en especial a Enrique Sánchez”, aos que expresar publicamente o seu recoñecemento. “Os tempos están cambiando, pero vemos que este eixo industrial permanece vivo, e estou convencido de que estes catro concellos formarán parte dun eixo dinámico da provincia da Coruña. Por iso, o territorio de Carballo sempre terá que ir máis aló. O territorio de Carballo é Bergantiños, a Costa da Morte e tamén o eixo que nos une coa Coruña”, sinalou.
Evencio Ferrero quere que a exposición “50 anos sen troles” sirva como “homenaxe a todas as persoas que tiveron vinculación laboral cos trolebuses A Coruña-Carballo e a todos os empresarios que apostaron decididamente por este territorio, porque hai que ser moi carballés para seguir apostando, como fan moitas persoas, para que Carballo tamén sexa unha vila industriosa”.