A Cámara de Comercio formou a 26 mozos e mozas da contorna como persoal de tenda e e-commerce
O director xeral da Cámara, Manuel Galdo, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, asistiron á entrega de diplomas no Viveiro de Empresas do Polígono de Carballo
Xoves 27 de maio do 2021 Carballo ao día
Manuel Galdo (esquerda) e Xosé Regueira (dereita), co alumnado e o profesorado que asistiu á entrega de diplomas
O director xeral da Cámara de Comercio, Manuel Galdo, e o concelleiro de Promoción Económica de Carballo e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, entregaron hoxe os diplomas correspondentes á última acción formativa organizada pola institución cameral no noso concello, un curso de persoal de tenda e e-commerce dirixido a mozos e mozas inscritos/as no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
Na actividade, incluída no programa PICE, participaron 26 persoas de varios concellos da contorna, que, ademais de prepararse para poder traballar no sector do comercio, tamén se formaron para abordar a partir de agora a busca activa de traballo. Dous dos alumnos xa atoparon emprego, e tamén é probable que desta experiencia formativa saia algunha iniciativa emprendedora.
O director xeral da Cámara de Comercio animou á mocidade a “saír a comer o mundo” sen medo a fracasar. Manuel Galdo avogou pola formación como o sistema máis eficaz para combater o desemprego, e nese sentido puxo os servizos da Cámara de Comercio a disposición dos mozos e mozas, tanto para formarse coma para informarse sobre as axudas ás que poden optar eles ou as empresas que os contraten. Neste sentido destacou que agora mesmo está aberta unha liña de subvencións para empresas de 4.950 euros por cada traballador/a contratado/a a tempo completo durante un mínimo de 6 meses. Por último, animou a tódolos mozos e mozas da área a participar na IX Feira de Emprego que a entidade cameral organizará o vindeiro 17 de xuño en formato virtual, coa esperanza de que no ano 2022 poida volver a ser presencial e en Carballo.
Regueira e Galdo animaron á mocidade a emprender
Xosé Regueira, pola súa banda, agradeceu o labor social que desenvolve a Cámara de Comercio, e destacou o potencial que un curso destas características pode ter en Carballo, “onde o comercio é un importante motor económico. Hai moi poucos concellos en Galicia que conseguisen manter ese músculo comercial que nós temos”. O concelleiro de Promoción Económica aludiu ao relevo xeracional que se está a producir no comercio e aos novos retos do sector, que, asegurou, “tamén abren un tempo de oportunidades. Por iso é preciso formarse e actualizarse”.
Regueira destacou que Carballo é terra de emprendedores/as, e que para que ese potencial poida seguir desenvolvéndose, dende o Concello ponse a disposición dos mozos e mozas o Carballo Coworking, un espazo de traballo colaborativo, de uso gratuíto, no que agora mesmo hai cinco prazas dispoñibles para que poidan nacer e medrar novas empresas.