Inicio Carballo ao día Hemeroteca Iniciados os traballos de reparación do...

Iniciados os traballos de reparación do palco da música e da rampla de madeira do Parque do Anllóns

A reposición da ponte, incluída nos orzamentos deste ano, está pendente da autorización de Augas de Galicia

Luns 24 de maio do 2021 Carballo ao día

A cuberta do palco da música renovarase por completo

A cuberta do palco da música renovarase por completo

Despois do arranxo dos 10 bancos situados na contorna do parque infantil, pintados por Aspaber coas cores do arco da vella, o Concello de Carballo iniciou hoxe os traballos de reparación do palco da música e da rampla de madeira do Parque do Anllóns. A actuación consistirá na reposición de todos os elementos danados -como a cuberta do palco, por exemplo, que se renovará por completo- e no tratamento de toda a madeira co obxectivo de que se manteña o máximo tempo posible nas mellores condicións.

A substitución da ponte seguirá pendente polo momento. Aínda que o orzamento preciso para acometer a construción dunha nova pasarela está incluído nos orzamentos deste ano, o Concello de Carballo está á espera da decisión que tome Augas de Galicia sobre a posibilidade de repoñer a ponte e en que condicións, dado que ese é un dos puntos negros das inundacións.

Precisamente nestes momentos están en marcha unha serie de actuacións incluídas no convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Carballo para reducir o risco de inundación na ARPSI (área con risco potencial significativo de inundación) do río Anllóns. O acordo establece unha serie de actuacións que serán co-financiadas nun 80% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), entre as cales considéranse prioritarias as seguintes:

  • Demolición de edificación, reforma da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol.
  • Reforma integral do parque do San Martiño. Construcións de motas de protección fronte ás avenidas.
  • Reforma da ponte da Casilla, da canle e motas de contención augas abaixo da ponte.
  • Mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a AG-55 e a AC-552, na Cepeira (Sísamo).
  • Realización dun bypass no Muíño do Quinto.

Todas estas actuacións forman parte do Plan específico de xestión do risco de Inundación (PEGRI) na área fluvial do Anllóns, redactado por Augas de Galicia, que define as medidas de prevención e preparación ante inundacións, as medidas de protección e medidas de recuperación e revisión tras producirse un episodio destas características.

Augas de Galicia comprométese a executar, controlar e financiar as obras precisas; mentres que o Concello de Carballo debe achegar os terreos, xestionar as licenzas e facerse cargo do mantemento posterior das obras que pola súa natureza sexan susceptibles de recepción por parte da Administración local. O orzamento das actuacións está estimado en tres millóns de euros, que se investirán en tres anualidades: 280.000 no 2021; 1.360.000, no 2022, e 1.360.000, no 2023.



Galería

Compartir: