Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobado definitivamente o proxecto de...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobado definitivamente o proxecto de expropiación para a execución dunha rotonda na Avenida da Revolta prevista no PXOM como sistema xeral viario

Luz verde á permuta dunha parcela no lugar de Vivente, na parroquia de Ardaña

Luns 24 de maio do 2021 Carballo ao día

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria de hoxe, de maneira definitiva, o proxecto de expropiación dunha parte dos terreos precisos para a execución dunha rotonda na AC-552, á altura da avenida da Revolta, prevista no PXOM.

Unha parte dos terreos da rotonda son de dominio e uso público viario e seguirán mantendo esa mesma condición, coa única variación das obras que realicen sobre dito viario coa pertinente autorización sectorial. Outra parte do terreo desta rotonda corresponde á cesión obrigada a cargo do sector de solo urbanizable no que está prevista a construción do Parque Comercial A Revolta. Polo tanto, a superficie que será preciso expropiar é de 565 metros cadrados, que se dividen en catro parcelas, cun valor total de 25.380,92 euros.

Polo acordo adoptado hoxe quedan desestimadas as alegacións presentadas e apróbase definitivamente o proxecto de expropiación. As persoas interesadas dispoñen dun prazo de 20 días para amosar a súa desconformidade coa valoración establecida no expediente.

Subvencións

Na Xunta de Goberno Local de hoxe deuse conta das resolucións da Deputación Provincial da Coruña polas que se conceden as seguintes subvencións: 31.149,30 euros para o servizo de limpeza de praias, e 9.980 euros para o mantemento de postos de traballo de persoal técnico nos servizos de Cultura.

Tamén se acordou solicitar outra subvención de 30.000 euros á institución provincial para o mantemento da Unidade de Condutas Adictivas (UCA).

Por outra banda, dentro da convocatoria de accións formativas para persoas desempregadas, decidiuse pedir á Consellería de Emprego e Igualdade os seguintes cursos: soldadura electrodo revestido e TIG, operacións auxiliares de instalacións electrotécnicas e telecomunicacións en edificiios, cociña, montaxe de mobles e elementos de capintería, competencia matemática nivel 2, lingua castelá nivel 2 e lingua galega nivel 2.

Outros acordos

A Xunta de Goberno Local aprobou facturas por un total de 63.484,31 euros, licenzas urbanísticas e a denegación da solicitude de modificación contractual presentada pola empresa concesionaria do servizo de axuda no fogar.

Por outra banda, deuse luz verde á permuta de terreo para un camiño público no lugar de Vivente, na parroquia de Ardaña. Mediante este acordo, o Concello de Carballo adquire unha parcela de 213,85 metros cadrados, afectada polo novo trazado dunha vía. Como pago, os propietarios da mesma recibirán outra parcela de 216,60 metros cadrados, e terán que compensar ao Concello con 68,75 euros pola diferencia de valor entre as fincas que se permutan.

Compartir: