Inicio Carballo ao día Hemeroteca A colocación de dous coxíns...

A colocación de dous coxíns berlineses na rúa Río Anllóns súmase ás actuacións da Concellaría de Mobilidade para mellorar a seguridade viaria

A veciñanza da rúa viña demandando dende hai tempo a instalación de elementos redutores da velocidade

Venres 21 de maio do 2021 Carballo ao día

A Concellaría de Mobilidade continúa coas actuacións encamiñadas a mellorar a seguridade viaria, e coincidindo coa celebración da Semana Mundial das Nacións Unidas para a Seguridade Viaria veñen de poñerse en marcha novas medidas que responden, ademais, a demandas veciñais.

Hoxe mesmo quedaron instalados dous coxíns berlineses na rúa Río Anllóns, na que a veciñanza viña solicitando dende hai tempo a instalación de elementos que contribuíran á redución da velocidade dos vehículos. Nesta rúa vimos de realizar obras de eliminacións de barreiras arquitectónicas, de xeito que agora xa se garante a accesibilidade en todas as beirarrúas, e, unha vez rematada a actuación urbanística, os coxíns berlineses completan a intervención.

Tamén responden a demandas sociais, neste caso por parte dos centros educativos, as actuacións de urbanismo táctico realizadas nas contornas do IES Isidro Parga Pondal e o CEIP Bergantiños. Nesta última, o proxecto, que trata de gañar espazo para a veciñanza e para os centos de nenos e nenas que acoden a diario ao colexio e ás instalacións deportivas, completarase a semana que vén coa colocación de mobiliario urbano. Precisamente, a principal característica deste tipo de actuacións é que se realizan unicamente con pintura, sinalización e mobiliario urbano, dun xeito provisional para comprobar o seu funcionamento e, se é o caso, poder realizar unha intervención permanente no futuro.

Compartir: