"DE VERDADE QUERES ESTAR NO SEU LUGAR?"
Nova campaña da Asociación Íntegro e o Concello de Carballo sobre as prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida
Hoxe ocupamos varios aparcamentos da avenida do Ambulatorio con cadeiras de rodas e carteis coas escusas máis utilizadas polos/as condutores/as que ocupan de xeito indebido as prazas reservadas
Xoves 20 de maio do 2021 Carballo ao día
A concelleira de Benestar e o concelleiro de Mobilidade acompañaron ao persoal de Íntegro
Dentro da colaboración permanente entre o Concello de Carballo e a Asociación Íntegro para mellorar a accesibilidade e a mobilidade das persoas con diversidade funcional, hoxe levouse a cabo unha nova acción de rúa para visibilizar a importancia de que os/as condutores/as respecten as prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida.
“Queremos simbolizar como se sente un cidadá cando lle ocupan unha praza de aparcamento e non pode aparcar. Pois a nós moitas veces pásanos o mesmo”, explicaron os representantes da asociación que se achegaron ata Carballo. Durante boa parte da mañá ocupáronse varias prazas de aparcamento da avenida do Ambulatorio con cadeiras de rodas e distintas axudas técnicas, xunto con carteis nos que podían lerse algunhas das “escusas” utilizadas con máis frecuencia polas persoas que ocupan as prazas para persoas con mobilidade reducida: “Son só 5 minutiños”, “Será só un momentiño”, “Volvo nun santiamén”, “Non teño tarxeta... pero non pasa nada, non?”, “Non sabía que aquí non podía aparcar”...
Dende Íntegro inténtase reivindicar, por unha banda, que o tempo das persoas con diversidade funcional vale o mesmo que o de calquera outra persoa, e que as prazas reservadas non son un capricho, senón unha necesidade. De aí un dos lemas utilizados: “De verdade queres estar no seu lugar?”. Pero tamén chaman a atención sobre o uso indebido das tarxetas de aparcamento “por usuarios que non teñen discapacidade, e iso, ademais dun fraude, moralmente é tamén algo reprobable”.
O concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, acompañaron ao persoal e aos usuarios e usuarias de Íntegro durante parte da xornada, que se enmarca na celebración da Semana Mundial das Nacións Unidas para a Seguridade Viaria, do 17 ao 23 de maio. Unha iniciativa semellante desenvolveuse xa o ano pasado na rúa Cervantes e ao longo deste 2021 repetirémola en distintos barrios urbanos.