Inicio Carballo ao día Hemeroteca As actuacións de urbanismo táctico...

As actuacións de urbanismo táctico chegan á contorna do CEIP Bergantiños coincidindo coa Semana Mundial das Nacións Unidas para a Seguridade Viaria

A campaña do Concello de Carballo e a Asociación Íntegro sobre as prazas para persoas con mobilidade reducida desenvolverase mañá na zona do centro de saúde

Mércores 19 de maio do 2021 Carballo ao día

Hoxe comezaron os traballos na contorna do CEIP Bergantiños

Hoxe comezaron os traballos na contorna do CEIP Bergantiños

A Concellaría de Mobilidade continúa coas actuacións encamiñadas a mellorar a seguridade nas contornas escolares, e despois da reorganización dos accesos ao IES Isidro Parga Pondal que se levou a cabo días atrás, hoxe empezou a materializarse o proxecto de urbanismo táctico que tiñamos pendente no ámbito do CEIP Bergantiños, aplicando unha fórmula de transformación urbana que, mediante a utilización de elementos de mobiliario e pintura, basicamente, permite mudar o espazo urbano. Con este sistema, se a actuación realizada funciona pode facerse permanente, mentres que se é preciso realizar cambios permite axustar o proxecto dun xeito sinxelo e económico.

Accesos ao IES Parga Pondal

Accesos ao IES Parga Pondal

A primeira intervención de urbanismo táctico realizouse na zona do IES Isidro Parga Pondal, na que, a proposta do centro, por unha parte levouse a cabo unha reordenación dos aparcamentos e, por outra, delimitouse unha senda peonil dende a ponte ata o instituto, pola marxe dereita da rúa. Na contorna do CEIP Bergantiños, xa dende principios de curso, atendendo as demandas do propio colexio, a rúa Ramón Cabanillas está pechada ao tráfico durante as horas de entrada e saída, o que contribuíu a reducir o tráfico rodado e á conseguinte mellora da seguridade. Esa medida complementarase agora co aproveitamento de novos espazos para uso peonil tanto na zona de acceso ao colexio coma na do parque infantil.

A actuación que se está a desenvolver coincide coa Semana Mundial das Nacións Unidas para a Seguridade Viaria, que se celebra do 17 ao 23 de maio, e que este ano ten como lema “Rúas para a vida”, reivindicando a limitación das velocidades a 30 e 20 quilómetros por hora nas cidades de todo o mundo. En Carballo, un concello pioneiro na implantación do límite de 30 km/h, tamén vimos de renovar a sinalización nas zonas escolares, nas que a velocidade de circulación queda limitada a 20 km/hora, ademais de implementar outras medidas como a colocación de topes de caucho nas prazas de aparcamento da rúa Vila de Ordes, xunto ao CEIP Fogar, evitando así que os vehículos invadan as beirarrúas.

Acción de rúa coa Asociación Íntegro

A campaña sobre os aparcamentos para persoas con mobilidade reducida realizouse por primeira vez na rúa Cervantes coincidindo coa Semana Europea da Mobilidade 2020

A campaña sobre os aparcamentos para persoas con mobilidade reducida realizouse por primeira vez na rúa Cervantes coincidindo coa Semana Europea da Mobilidade 2020

Pero ademais da seguridade, dende a Concellaría de Mobilidade tamén se traballa na mellora da accesibilidade. Neste sentido, en colaboración coa Asociación Íntegro veñen desenvolvéndose diferentes iniciativas de sensibilización nas que este xoves 20 de maio daremos un paso máis. Nesta ocasión retomamos a campaña sobre as prazas de aparcamento reservadas para as persoas con mobilidade reducida a través dunha acción de rúa que se desenvolverá a partir das 10.30 horas na zona do centro de saúde.

Compartir: