Inicio Carballo ao día Hemeroteca Evencio Ferrero acompaña á...

O CONCELLO DE CARBALLO INVESTIU 400.000 EUROS NA INSTALACIÓN DOS SERVIZOS URBANOS

Evencio Ferrero acompaña á conselleira de Mobilidade nunha visita á futura senda peonil e ciclista de Carballo a Coristanco

O alcalde carballés destaca a histórica relación de veciñanza entre os dous concellos e a necesidade de “interpretar o territorio dunha maneira máis global”

Mércores 19 de maio do 2021 Carballo ao día

A histórica relación de veciñanza entre os concellos de Carballo e Coristanco dará un paso máis coa senda peonil e ciclista que está a construír a empresa López Cao. Coincidindo co inicio das obras, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, realizou unha nova visita á zona da actuación acompañada polos alcaldes dos dous concellos, entre outras autoridades e persoal técnico.

O departamento autonómico investirá algo máis de 1 millón de euros na construción dunha senda de uso compartido para peóns e ciclistas, que terá 1,9 quilómetros de lonxitude pola marxe esquerda, dende a saída de Carballo ata Montecelo, e 600 metros pola outra, ata as inmediacións da fábrica de Calvo Conservas. Como “actuación singular”, como a definiron hoxe dende a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, inclúese unha pasarela sobre o río Grande.

A conselleira Ethel Vázquez apuntou que o obxectivo é que a obra, que ten un prazo de execución de 8 meses, quede rematada este  mesmo ano.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, destacou que esta nova infraestrutura reforzará a relación entre os dous concellos, e subliñou a importancia de “interpretar o territorio de maneira máis global”.

O Concello de Carballo, anticipándose a esta actuación, xa executou o ano pasado un proxecto de dotación de servizos urbanos ao treito comprendido entre os quilómetros 32+620 e 34+480 da estrada comarcal AC-552. As obras, que supuxeron un investimento próximo aos 400.000 euros, incluíron a instalación de canalizacións de electricidade, telecomunicacións, abastecemento de auga, saneamento e alumeado público en ámbalas marxes.

Compartir: