LETRAS GALEGAS 2021
Evencio Ferrero: "A Praza Xela Arias vén para engrandecer o nome do noso concello"
O acto de inauguración reuniu a medio cento de persoas, entre elas a parella e o fillo da autora homenaxeada
Domingo 16 de maio do 2021 Lingua
De esquerda a dereita, Rosalía Fernández, Rakele Cavallo, Maruxa Suárez, Xuliio Gil, Evencio Ferrero e Darío Gil
Xela Arias xa forma parte da historia de Carballo. Porque ademais da súa amizade e da fecunda colaboración profesional que mantivo co pintor e ilustrador Xosé Guillermo (Carballo, 1947 – Vigo, 2009), o seu nome figura dende hoxe do noso rueiro. “A Praza Xela Arias vén para engrandecer o nome do noso concello”, dixo Evencio Ferrero no acto de inauguración celebrado este mediodía, co mural pintado por Rakele Cavallo como fondo, e coas intervencións, ademais, da concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez; do fillo de Xela Arias, Darío Gil, e da escritora carballesa Rosalía Fernández Rial, que recitou unha acertada e moi ben fiada escolma de versos de Xela Arias.
A Praza Xela Arias está situada na beira do río Anllóns, xusto enfronte da rúa Manuel María. Esa relación entre os dous autores, como lembrou o alcalde, non é nova. Manuel María, amigo do pai de Xela, agasallouna cun exemplar de “O Principiño” cando era nena, e cando ela tiña seis anos ilustrou, xunto co seu irmán pequeno, a portada do libro “Os soños na gaiola”.
Evencio Ferrero agradeceu o apoio da veciñanza á iniciativa
“Para nós é un orgullo, como veciños de Carballo, como cidadáns de Bergantiños, da Costa da Morte e deste país galego, que a continuación da ponte do río sexa a rúa Castelao, ou que preto de aquí estea a rúa Alexandre Bóveda. E tamén temos unha rúa Carvalho Calero, a quen as circunstancias lle furtaron todo o esplendor que merecía ter a persoa homenaxeada o ano pasado”, manifestou o alcalde, quen ademais expresou a súa gratitude á veciñanza “por ter a sensibilidade de aceptar e apoiar esta iniciativa do Concello de Carballo”.
Esa gratitude expresouna tamén a concelleira de Normalización Lingüística, quen na súa intervención destacou que Xela Arias é a quinta muller á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. “Por iso este 17 de maio é un gran día para as letras galegas, pero tamén para seguir reivindicando a tantas e tantas mulleres que forman parte da historia agochada de Galicia, e que este ano reviven a través de Xela Arias. Esta praza, que leva o seu nome, e que hoxe inauguramos, convértese no símbolo do compromiso do Concello de Carballo coa cultura galega e coa igualdade. Nunca máis menosprezo ás nosas letras, nunca máis menosprezo ao noso xénero”.
“Para nós é un orgullo, como veciños de Carballo, como cidadáns de Bergantiños, da Costa da Morte e deste país galego, que a continuación da ponte do río sexa a rúa Castelao, ou que preto de aquí estea a rúa Alexandre Bóveda"
Ademais do agradecemento á veciñanza “por acoller tan ben a iniciativa”, Maruxa Suárez tamén expresou a súa gratitude aos libreiros e libreiras presentes “por ser garantes das nosas letras, a Rosalía Fernández Rial por apuntarse dende o minuto un; a Xulio e Darío Gil, familia de Xela Arias que nos acompaña hoxe, e a Rakele Cavallo por este precioso mural”.
A artista, que interveu de seguido, expresou a súa satisfacción por poder ter realizado o traballo e destacou a importancia de visibilizar a mulleres como Xela Arias, que grazas a este tipo de iniciativas será máis coñecida e o seu traballo, máis valorado. Na mesma liña, Darío Gil manifestou que “iniciativas deste tipo son as que achegan a figura de miña nai a todo o mundo e poden servir como primeiro paso para coñecela como escritora e despois para afondar na súa obra”.
Darío Gil descubriu a placa que identifica a praza dedicada á súa nai
Darío Gil, acompañado polo seu pai e polo alcalde, foi o encargado de descubrir a placa que identifica a nova Praza Xela Arias, e que está integrada no mural realizado pola artista Rakele Cavallo coa imaxe de Xela Arias e o poema “25. Flor de abril”, publicado por Xela Arias en 1999, con motivo do 25º aniversario do 25 de abril, dentro do proxecto “A poesía está na rúa”. Hoxe, os simbólicos caraveis vermellos, que tamén están presentes no mural, convertéronse en agasallo, xunto cun exemplar dun libro de poemas e fotografías de Xela Arias editado polo Concello de Carballo, para todas as persoas que asistiron ao acto.