PRESENTACIÓN DOS ACTOS QUE SE CELEBRARÁN ARREDOR DO 17 DE MAIO
Carballo inaugura a Praza Xela Arias como merecida homenaxe á protagonista do Día das Letras Galegas e como símbolo do compromiso coa cultura e coa igualdade
O Concello enviou aos centros de secundaria unha selección de obras de autores locais de recente publicación para as bibliotecas e preto de 2.000 exemplares de libros de Xela Arias para repartir a todo o alumnado
Venres 14 de maio do 2021 Carballo ao día
Evencio Ferrero, Rakele Cavallo, Maruxa Suárez e Marcos Trigo, xunto ao mural da Praza Xela Arias
Este ano en Carballo queremos celebrar dobremente o 17 de maio. Por unha banda, difundindo a obra de Xela Arias (1962-2002), poeta, tradutora, editora e profesora a quen dedicamos un merecido Día das Letras Galegas. Por outra, engadindo o seu nome ao noso rueiro para que ese recoñecemento perdure no tempo, pero tamén para cada vez máis mulleres teñan presenza nel. Deste xeito, na sesión ordinaria celebrada o 26 de abril, o Pleno da Corporación decidiu dedicarlle a Xela Arias unha pequena praza situada entre a rúa Xirona e o Paseo do Anllóns, que ata agora carecía de denominación propia.
Hoxe presentamos as actividades conmemorativas da inauguración da Praza Xela Arias nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero, a concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e a artista local Rakele Cavallo, autora do mural conmemorativo que podedes ver na imaxe e que, ademais de sumarse ao longo catálogo de arte pública do noso concello, permanecerá como homenaxe permanente á autora de poemas como o que decora a súa praza. “Para min foi un reto, porque era a primeira vez que facía un retrato tan grande, pero tiña claro cal ía ser o deseño e estou moi contenta co resultado”, asegurou a pintora.
Nese espazo urbano, que, como sinalou o alcalde, “reúne as características perfectas para o evento, á beira do río que nos dá vida”, celebrarase o domingo 16 un acto simbólico de recoñecemento á figura de Xela Arias. Evencio Ferrero destacou “a importancia de que a veciñanza desfrute dos espazos urbanos” e felicitou a Rakele Cavallo por “plasmar de maneira perfecta o obxectivo”.
PROGRAMA PARA OS DÍAS 16 E 17
Maruxa Suárez explicou que a inauguración da Praza Xela Arias é un símbolo do compromiso coa cultura galega e coa promoción da nosa lingua, “máximo expoñente e valor como comunidade”, tal como recolle a Ordenanza para o impulso social da lingua galega no Concello de Carballo; pero tamén coa igualdade, a través de accións como a visibilización de mulleres que destacaron nos ámbitos profesional e social no rueiro. “Xela Arias será a número catorce”, dixo.
A concelleira de Normalización Lingüística destacou a boa acollida da iniciativa entre a veciñanza da praza e deu a coñecer o programa de actos do domingo, no que participarán o compañeiro e o fillo de Xela Arias, a escritora carballesa Rosalía Fernández Rial, libreiros e libreiras, autores/as locais, veciños/as dos dous edificios que hai na praza e membros da corporación, entre outras persoas convidadas. Precisamente, debido ás limitacións de aforo, a asistencia ao acto será con convite.
As actividades do Día das Letras Galegas continuarán o propio 17 de maio co espectáculo “Por Xela!”, unha homenaxe á autora que, como apuntou Marcos Trigo, “une tres disciplinas moi vinculadas a ela: a poesía, a fotografía e a música”. A primeira delas correrá a cargo das poetisas Estíbaliz Espinosa, Helena Salgueiro, Nuria Vil e Vanessa Glemsel, que ofrecerán un recital; da parte fotográfica encárgase Xulio Gil, que foi parella de Xela Arias, e da música, o grupo A banda da loba. As entradas están á venda en www.ataquilla.com
CASE 2.000 LIBROS PARA O ALUMNADO DE SECUNDARIA
Lote de libros enviados aos centros de secundaria
Ademais de organizar estas actividades, o Concello de Carballo tamén realizou esta semana un envío de libros aos catro centros educativos de secundaria: IES Isidro Parga Pondal, IES Alfredo Brañas, IES Monte Neme e CPR Artai. Por unha banda fíxolles chegar preto de 2.000 exemplares dun libro de poemas e fotografías de Xela Arias para repartir un a cada alumno/a, e, por outra, unha selección de libros de publicación recente, na súa maior parte de autores/as locais, para as bibliotecas. Son estes:
- “Wolfram”, Alberto Varela Ferreiro
- “Alén do tempo dos reloxos”, Raúl González Herrera
- “Toponimia de Carballo”, Fernando Cabeza Quiles
- “Brevedume”, Xurxo Borrazás
- “Carabela”, Paula Carballeira
- “El mal sin cura de la Costa da Morte”, Manuel Rey Pan
- “O río Anllóns”, varios autores
- “Manuel Facal”, Manuel Facal
- “Árbores no deserto”, Rosalía Fernández Rial
- “Mudanza”, Xurxo Chapela
- “Teatro de Manuel Lourenzo” Vol. 1
- “Ricardo Carvalho Calero, coraçom de terra”, varios autores
- “De Carballo Calero a Carvalho Calero”, varios autores
- “Arquitectura e urbanismo. Unha ucronía carballesa”, Xan Fraga
- “Xela Arias. Poemas e fotografías”, Xela Arias e Xulio Gil