A comisión de seguimento da COVID19 organizará a estratexia de cara á temporada estival en función da evolución da pandemia
A suspensión das festas de San Xoán e o protocolo de actuación nas praias foron os principais aspectos abordados na xuntanza de hoxe
Mércores 12 de maio do 2021 Carballo ao día
A comisión reuniuse hoxe no salón de plenos
A comisión de seguimento da COVID-19 no Concello de Carballo celebrou hoxe unha nova xuntanza para empezar a organizar a estratexia de actuación de cara ao verán. Esta primeira sesión centrouse nas citas máis inmediatas: o inicio da temporada de praias e as festas de San Xoán.
Con respecto ás praias, o Concello de Carballo aposta por manter o sistema de organización do ano pasado, primando a información mediante carteis e megafonía e velando polo cumprimento das normas de uso dos areais establecidas pola Xunta de Galicia. Así, tal como recolle o DOG do pasado día 7, será preciso respectar a distancia interpersoal de seguridade entre persoas usuarias e o límite de 6 persoas por grupo, agás no caso de conviventes. En canto ao uso de máscara, será obrigatorio agás durante o baño ou mentres que permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse, e sempre que se poida garantir a distancia de seguridade. Tanto nos accesos ás praias coma nos paseos ou desprazamentos será obrigatoria.
Polo que respecta ás festas patronais, a Concellaría de Festas e a Asociación Cultural San Xoán xa anunciaron días atrás a suspensión dos actos, dada a imposibilidade de celebración de verbenas e outros eventos multitudinarios tradicionais do San Xoán. Na comisión de seguimento de hoxe deuse conta da previsible celebración doutro tipo de actividades, con público limitado e público sentado, sempre en función das restricións vixentes en cada momento. Nese sentido, un dos aspectos pendentes de valoración será a celebración de cachelas. Neste momento serían posibles cun máximo de participación de 6 persoas non conviventes.
Normativa
Con respecto a outro tipo de celebracións, estarán supeditadas á normativa autonómica vixente en cada momento. Dende o Concello de Carballo recomendarase, en todo caso, a non celebración de calquera tipo de evento que poida favorecer a concentración de persoas.
O alcalde, Evencio Ferrero, informou aos membros da comisión sobre os últimos datos da incidencia da COVID-19 no noso concello, no que hoxe temos 39 casos activos; así coma da decisión da Xunta de Galicia, tras a xuntanza do comité clínico celebrada onte, de volver a incluír Carballo entre os concellos co nivel de restricións máis baixo a partir deste venres. Isto suporá que os establecementos de hostalaría poderán volver a ter aforos do 50% no interior e o 75% en terraza.