A CAMPAÑA, NA QUE PARTICIPAN XA 245 PERSOAS, ESTENDERASE UN MES MÁIS
As capturas de avespas multiplicáronse case por 4 no segundo mes da campaña anual de trampeo de velutinas organizada polo Concello
Do 5 de abril ao 5 de maio foron capturadas 14.782 raíñas, un 379% máis que no mes anterior
Domingo 9 de maio do 2021 Carballo ao día
O 5 de marzo arrincou a campaña anual de trampeo da avespa velutina organizada polo Concello de Carballo a través da empresa concesionaria do Servizo Municipal de Control de Pragas. Nos dous primeiros meses foron capturadas 18.611 raíñas, pero a diferencia entre marzo e abril é espectacular: 3.829 no primeiro mes e 14.782 no segundo, o que quere dicir que multiplicamos case por 4 o número de avespas atrapadas.
Para acadar estas cifras é imprescindible a colaboración das 245 persoas que, a día de hoxe, forman parte do noso “exército” particular contra a avespa asiática, unha especie invasora que é unha depredadora das nosas abellas, cos conseguintes problemas para os produtores de mel, e tamén das árbores de froita.
Grazas á elevada participación veciñal e á implicación dos/as apicultores/as locais, nestes momentos contamos con 1.406 trampas distribuídas polas 18 parroquias, e que se suman a moitas outras de fabricación caseira coas que moitas persoas a título particular se unen tamén á causa. Ademais desas 1.406 trampas, dende o Servizo Municipal de Control de Pragas tamén se levan repartidos, de balde, un total de 1.571 litros de líquido atraente.
A campaña, que se prolongará aínda un mes, resulta fundamental para loitar contra a praga de velutina, xa que cantas máis raíñas consigamos capturar agora menos niños aparecerán máis adiante. As persoas interesadas en sumarse aínda está a tempo de facelo. Simplemente hai que cubrir o formulario que figura ao pé desta nova e dende o Concello entregaranse, de balde, a trampa e o líquido atraente.