A Xunta de Galicia licitará en xuño a redacción do proxecto sectorial para a ampliación do polígono de Bértoa coa intención de iniciar as obras no ano 2023
O alcalde, Evencio Ferreiro, acompañou á conselleira Ánxeles Vázquez na visita que realizou hoxe ao parque empresarial
Xoves 6 de maio do 2021
Representantes da consellería, de Xestur, do Concello e dos empresarios participaron na visita
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, achegouse hoxe ata Carballo a para anunciar a próxima licitación da redacción do proxecto sectorial preciso para acometer a tan demandada ampliación do polígono industrial de Bértoa, que contará con 554.000 metros cadrados máis de superficie.
“É un pracer traer boas novas”, sinalou a conselleira, que cualificou o noso parque empresarial coma “un dos máis importantes de Galicia, e ademais nunha zona que é dinamizadora e vertebradora dende o punto de vista económico”, e que tamén recoñeceu que despois do último concurso de parcelas realizado por Xestur practicamente non queda solo, pois foron adxudicadas outras cinco, “e iso quere dicir que a Xunta de Galicia ten que facer planificacións”.
Estes son os prazos previstos pola Xunta para ampliar o polígono:
- Licitación: xuño 2021
- Adxudicación: setembro 2021
- Fin da tramitación do proxecto de interese autonómico: finais do ano 2022
- Expropiación dos terreos (Xestur xa é propietario do 50%, aproximadamente): ano 2023
- Inicio da urbanización e do proceso de venda de parcelas: ano 2023
Unha vella demanda
O alcalde lembrou que a ampliación do polígono “é unha vella demanda do Concello de Carballo e do empresariado, ao que sempre lle agradecerei a súa aposta por Carballo, mesmo en momentos duros e moi difíciles”. Evencio Ferrero agarda que haxa novo solo industrial a disposición dos emprendedores e emprendedoras o antes posible, e manifestou que por parte do Concello trátase de impulsar o desenvolvemento industrial a través das bonificacións de ICIO, IAE e IBI de ata o 95%, pero tamén establecendo estratexias conxuntas cos concellos de Arteixo e A Laracha como parte dun eixo “que está chamado a ser un verdadeiro referente económico non só para a Costa da Morte, non só para Bergantiños, senón tamén para toda a área coruñesa”.
O alcalde de Carballo considera que dada a situación estratéxica do noso parque empresarial e o desenvolvemento que está a experimentar, nos últimos anos especialmente, “a aposta da consellería será unha aposta claramente gañadora”.
Mesa de coordinación
O proxecto que marcará a ordenación da futura ampliación do polígono de Bértoa tamén incluirá a definición do viario. Neste sentido está previsto estudar a posible conexión do parque empresarial coa estrada de Razo. A conselleira comprometeu a creación dunha mesa de coordinación integrada por representantes do seu departamento, de Xestur, do Concello de Carballo e da Asociación de Empresarios do Polígono, que tamén estivo no acto de hoxe, para establecer as necesidades.
Por outra banda, no último concurso de venda de parcelas realizado por Xestur foron adxudicadas outras cinco no polígono carballés, polo que practicamente non queda solo dispoñible, e, do pouco que hai, as maiores superficies corresponden a parcelas de uso terciario, que teñen menos saída. A este respecto, o Concello de Carballo xa ten demandado, e o alcalde volveu a facelo hoxe, o cambio de uso dese solo, unha proposta que dende Xestur valorarán.