Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobado por unanimidade o suplemento de...

Aprobado por unanimidade o suplemento de crédito para financiar os 162.000 euros destinados a axudas directas ao sector da hostalaría

Carballo terá unha praza dedicada a Xela Arias, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas

Martes 27 de abril do 2021 Carballo ao día

A concelleira Maruxa Suárez defendeu a dedicatoria dunha praza a Xela Arias

A concelleira Maruxa Suárez defendeu a dedicatoria dunha praza a Xela Arias

A corporación municipal aprobou por unanimidade, na sesión ordinaria celebrada este luns, o suplemento de crédito para financiar a achega municipal ás axudas destinadas ao sector da hostalaría a través do convenio entre o Concello de Carballo e a Xunta de Galicia. En total solicitaron subvencións 162 establecementos, cada un dos cales recibirá 1.000 euros das arcas municipais. A Xunta, pola súa banda, aprobou 143 das solicitudes presentadas.

O goberno municipal amosou a súa disposición a seguir colaborando coa Administración autonómica para axudar aos sectores máis castigados pola pandemia. “É a mellor decisión, porque ou remamos todos na mesma dirección ou estamos facéndolle un fraco favor á sociedade”, sinalou o voceiro do BNG, Xosé Regueira.

A actualización do Inventario Municipal de Bens foi aprobada cos 12 votos a favor do BNG e 9 abstencións do resto dos grupos, o mesmo resultado que se rexistrou na votación da conta de recadación do ano 2020 e dun recoñecemento extraxudicial de crédito para pagar 94 facturas correspondentes ao ano pasado pero que se presentaron no Rexistro Municipal xa no 2021.

A unanimidade volveu na aprobación da renovación do convenio coa Secretaría de Estado de Facenda para a xestión catastral, que, como novidade, inclúe tamén trámites relativos ás fincas rústicas.

A corporación municipal tamén decidiu dedicarlle unha praza a Xela Arias, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Todos os grupos apoiaron a proposta agás Terra Galega, que se abstivo. A concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez, explicou que dende o Concello de Carballo inténtase que a muller teña máis presenza no rueiro, ademais de visibilizar a mulleres que, como Xela Arias, realizaron unha importante achega á cultura galega e ao feminismo.

Mocións, rogos e preguntas

De seguido sometéronse a votación dúas mocións de TeGa, ámbalas dúas rexeitadas ao non obter ningún apoio: o BNG votou en contra e tanto PP coma PSOE abstivéronse. Na primeira propoñían utilizar o circuíto do motor con outros fins e na segunda, que provocou un acalorado debate entre a voceira do PSOE, Mari Carmen Vila, e o concelleiro de Terra Galega José Bello Pallas, referíanse a unha cuestión catastral relativa a uns terreos de Razo.

No apartado de rogos e preguntas formuláronse por parte dos tres grupos da oposición algúns relativos ao estado da rede viaria, na que o concelleiro de Obras e Servizos avanzou que se empezará a actuar en breve. Tamén se falou sobre as prazas de aparcamento para embarazadas e mulleres con bebés, que se empezarán a sinalizar en breve en distintos espazos urbanos; as bolsas a deportistas individuais, ás que optan 8 deportistas, ou a seguridade nas entradas e saídas dos institutos, que foi obxecto xa dunha xuntanza entre as direccións, Policía Local e Garda Civil para establecer medidas de actuación de xeito coordinado.

Compartir: