Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobada a adhesión do Concello de...

Aprobada a adhesión do Concello de Carballo ao convenio de colaboración coa Xunta para a concesión de axudas ao sector da hostalaría

A Xunta de Goberno Local adxudicou obras por un importe superior aos 400.000 euros

Luns 26 de abril do 2021 Carballo ao día

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza de hoxe a adhesión do Concello de Carballo ao convenio de colaboración entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, e a Consellería de Emprego e Igualdade para a concesión de axudas ao sector da hostalaría cuxos negocios resultaron afectados polos peches decretados polas autoridades sanitarias por causa da COVID-19. No acordo destácase a función “económica e social esencial” que desenvolve o sector, “composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego”.

A Xunta de Galicia comprométese á tramitación das axudas correspondentes ás solicitudes presentadas, que no noso concello foron 162, e ao pago das concedidas. Pola súa banda, o Concello de Carballo deberá complementar esas axudas cunha achega de 1.000 euros para cada un dos establecementos. Precisamente no pleno convocado para esta mesma tarde está prevista a aprobación do suplemento de crédito que permitirá facer fronte ás subvencións, que suman 162.000 euros.

Outros asuntos

Na sesión deste luns tamén se deu luz verde a facturas por importe de 26.876,22 euros, devolución de avais, gratificacións por importe de 15.848,86 euros, vaos e licenzas, entre elas unha máis para unha nave industrial no polígono de Bértoa. Así mesmo, aceptouse a solicitude da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia para acoller a un alumno en prácticas dende o 27 de abril ata o 31 de agosto.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local acordou a desestimación, en función dos informes técnicos, dunha reclamación de responsabilidade patrimonial por danos materiais como consecuencia dunha inundación nun local da Milagrosa e aprobouse unha reclamación polos danos causados nun sinal da estrada de Artes a Sofán a raíz da colisión dun vehículo.

Subvencións

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou as bases das convocatorias anuais de subvencións a entidades deportivas para o financiamento de proxectos de actividade deportiva durante o ano 2021, en concreto para a organización e/ou participación en fases finais de ascenso a competicións estatais, para a organización de eventos e actividades, e para proxectos de actividade xeral, por un importe total de 114.000 euros. En materia de deporte tamén se aprobou a concesión dunha subvención nominativa ao Bergantiños Club de Fútbol por importe de 40.000 euros.

Tamén foron aprobadas as bases reguladoras das subvencións anuais a entidades de carácter social, por 60.000 euros.

Contratación

En materia de contratación foron aprobados os expedientes relativos a varios servizos:

  • Telefonía móbil e fixa, rede de datos fixa e wifi e subministro de correo na nube, que se divide en dous lotes cun orzamento anual de 114.950 euros, o primeiro, e 18.112,24 euros o segundo, que se corresponde co subministro de correo na nube.
  • Asesoría psicolóxica do Centro de Información á Muller, cun orzamento anual de 17.719,19 euros.
  • Subministro de aplicación web para a xestión do servizo de axuda no fogar, cun orzamento total de 18.904,02 euros para os catro anos de duración do contrato.

Tamén foron adxudicadas as seguintes obras:

  • Reforma do centro social da Milagrosa (Escola de Arrabais), á empresa Covisam Norte, por 129.445,80 euros.
  • Reurbanización da rúa Tarragona, á empresa Gestal y López, por 58.869,19 euros.
  • Substitución de cuberta e revestimento de fachadas no pavillón Carballo Calero, á empresa Covisam Norte, por 234.715,80 euros.

Así mesmo, aprobouse a prórroga dos contratos de mantemento de ascensores e de limpeza e mantemento do cemiterio municipal.

Compartir: