EN EXECUCIÓN 3 DAS 9 SENDAS DO PROXECTO CICL-ANDO CARBALLO
Avanzan as obras das redes de abastecemento e saneamento no lugar de Vella Morta, que se complementarán coa construción dunha senda ciclo-peonil
A ampliación das redes de abastecemento e saneamento permitirá dar servizo a varias vivendas da estrada de Razo
Martes 20 de abril do 2021 Carballo ao día
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, achegáronse ata o lugar de Vella Morta, na estrada de Razo, na que se están a desenvolver de xeito coordinado dous proxectos que permitirán mellorar, por unha banda, os servizos urbanísticos e, por outra, a mobilidade. Ámbolos dous son executados pola empresa Vázquez y Reino, o que facilita a súa execución practicamente de xeito paralelo.
Por unha banda está en marcha a obra de ampliación das redes de saneamento e abastecemento, incluída no POS+2019 cun orzamento de 125.400 euros. Esta actuación permitirá dotar de saneamento ás vivendas situadas na estrada Carballo-Razo e renovar un treito que está moi deteriorado. En total instalaranse 525 metros de rede e 14 pozos de rexistro, así coma un bombeo. As obras tamén inclúen a rede de abastecemento de auga, en dous ramais de 443 e 14 metros de lonxitude ao longo da estrada provincial, e tamén unha boca de rego.
Por outro lado, a empresa Vázquez y Reino encárgase tamén da construción da Senda ciclo peonil de regreso complementaria ao carril bici Avda. Razo (DP-1902), que permitirá completar o carril-bici existente na avenida de Razo cunha lonxitude de 1.240 metros e un orzamento de 460.563,45 euros.
Nestes momentos están en execución, polo tanto, 3 das 9 sendas incluídas no proxecto Cicl-Ando Carballo, xa que a empresa Excavaciones y Obras Candal segue avanzando na mellora do carril bici existente entre as rúas Poñente-Fábrica e Avenida de Malpica (1.350 metros de lonxitude e un orzamento de 178.425,14 euros), mentres que Construcciones López Cao está a traballar tamén na conexión da senda da Avenida de Malpica coa da estrada de Razo (1.182 metros e 96.799,38 euros).