Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os novos vehículos do servizo de recollida...

TRES DOS CATRO CAMIÓNS SON BICOMPARTIMENTADOS, EN CUMPRIMENTO DA DIRECTIVA EUROPEA EN MATERIA DE BIO-RESIDUOS

Os novos vehículos do servizo de recollida de residuos incorporan imaxes de espazos naturais do noso concello como exemplo de compromiso co medio ambiente

“Carballo é así grazas a ti”, a mensaxe que percorrerá todos os lugares do noso concello para solicitar e agradecer a colaboración veciñal na axeitada xestión do lixo

Venres 16 de abril do 2021 Carballo ao día

Representantes e persoal do Concello de Carballo e da empresa concesionaria do servizo de recollida e xestión dos residuos sólidos, Urbaser UTE Carballo, presentaron hoxe catro novos vehículos, tres deles con dous compartimentos separados, que nos permitirán realizar nunha soa ruta a recollida de dous tipos de residuos diferentes e que ademais axústanse ás novas directrices relativas á recollida de residuos orgánicos, co conseguinte aforro económico e medioambiental, tal como explicou Luis Torre, delegado da empresa concesionaria. 

Pero ademais pretendemos que estes vehículos tamén se convertan nun reclamo para animar á cidadanía a apostar cada vez máis por prácticas medioambientalmente sostibles, grazas ás cales o noso concello pode presumir de espazos naturais e paisaxísticos como os que decoran os novos camións. Por iso, o lema que podes ver en todos eles é “Carballo é así grazas a ti”, porque, como explicou o alcalde, Evencio Ferrero, “todas e todos temos que comprometernos co medio ambiente”.

Neste sentido temos que destacar o labor realizado polos catro fotógrafos que achegaron as imaxes, todos eles carballeses ou vinculados ao noso concello: Antonio Fernández, Fernando Nieto, que tamén asistiron ao acto; Oti Fernández e Alberte Sánchez. “Moitas grazas pola colaboración _insistiu o alcalde_, porque a imaxe visual tamén é importante, e que a xente vexa que para ter esta paisaxe e estes entornos o fundamental que eliminemos plásticos, que eliminemos vertidos, que se faga recollida selectiva no colector marrón...”.

Tres dos catro novos vehículos son bicompartimentados

Tres dos catro novos vehículos son bicompartimentados

Carballo conseguiu situarse o ano pasado entre as 10 cidades europeas de 20.000 a 100.000 habitantes co mellores prácticas ambientais, un maior compromiso co crecemento verde e unha maior promoción da concienciación cidadá en temas medioambientais. Entre todos os parámetros analizados, a área mellor valorada polos expertos europeos foi a residuos e economía circular, especialmente pola recollida selectiva nas diferentes fraccións, o plan de compostaxe e as accións de sensibilización cidadá encamiñadas a conseguir que os espazos públicos estean libres de residuos.

Nesta liña, e como reflexo dun compromiso medioambiental ligado á Estratexia Carballo 2030, dende o Concello de Carballo seguimos investindo en políticas medioambientais que priman a redución, reutilización e reciclaxe dos residuos, pero tamén modernizando os medios materiais que nos permiten materializar esas políticas. “Carballo, sorprendentemente, somos dos poucos concellos galegos que xa estamos implantando a recollida de bio-residuos para cumprir a directiva que obriga aos concellos de máis de 20.000 habitantes a implantar esa recollida selectiva o ano que vén, e que establece para o ano 2030 un 50%, un ambicioso obxectivo do que aínda estamos moi lonxe pero que canto antes empecemos antes poderemos acadalo”, sinalou Evencio Ferrero.

Compartir: