ADXUDICADAS AS REDES DE AUGA E SANEAMENTO DE CAMBRELLE, CAMBRE E OUTEIRO
En marcha as obras de abastecemento de auga a Lema para seguir estendendo a rede pública a todo o litoral
O investimento que se realizará neste mandato para garantir o subministro de auga na zona costeira supera os 3,2 millóns de euros
Xoves 15 de abril do 2021 Carballo ao día
Evencio Ferrero e Luis Lamas achegáronse ata Lema
Xa están en marcha as obras de extensión da rede de abastecemento de auga dende Razo ata Lema. Neste punto comezou a traballar a empresa adxudicataria, a carballesa Vázquez y Reino, e ata alí desprazáronse hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas.
O abastecemento a Lema forma parte dun programa de actuacións, deseñadas no plan director correspondente, que permitirán estender o servizo público de auga a todo o litoral. Coa actuación que está en marcha nestes momentos, incluída no POS+Adicional 2019 cun orzamento de 431.876,23 euros e adxudicada por 361.912,28, construirase a canalización principal ata Razo, así coma un ramal cara a praia e as conexións ás canalizacións existentes nos núcleos de Centeás, A Chamusqueira, O Igrexario e Castrillón.
Paralelamente executarase o proxecto das redes de abastecemento e saneamento dos núcleos de Cambrelle (Razo), Cambre e Outeiro (Lema), que se financia con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais do ano 2019 cunha partida de 416.971,86 euros, e que foi adxudicado esta mesma semana pola Xunta de Goberno Local á mesma empresa carballesa por 375.953,74 euros.
Con cargo ao programa POS+ deste ano tamén se levará a cabo a rede de abastecemento á Pedra do Sal, unha actuación que reforza a intención do goberno local de garantir neste mandato o subministro de agua a toda a zona costeira, o que suporá un investimento de máis de 3,2 millóns de euros.
No ano 2020 entrou en servizo a rede de abastecemento a Oza e Razo, á que destinamos un orzamento de case 1,7 millóns de euros financiados exclusivamente con fondos municipais.
A maiores, está en fase de redacción por parte da Xunta de Galicia o proxecto para completar o abastecemento e/ou saneamento nos lugares de Sambade, Regueira de Arriba, Regueira de Abaixo, A Chamusqueira, Agramaior e Centeás (Lema); O Salto, As Travesas, Castelo, San Miguel e Vilela (Vilela); A Algara, O Rapadoiro, As Infantas, O Campo e a Casanova (Noicela) e Rebordelos, Vilar de Peres e Constenla (Rebordelos). En total, 16,7 quilómetros de rede de abastecemento e 9,7 de saneamento, con seis bombeos e un grupo de presión. O Concello de Carballo ten solicitada a colaboración da Xunta non só para a redacción do proxecto, senón tamén para a posterior execución da obra, cuxo custe se definirá no documento.
A extensión do abastecemento polo territorio municipal é posible grazas á dobre captación de auga nos ríos Anllóns e Bardoso. Precisamente, para seguir mellorando o servizo, no Plan Complementario deste ano tamén se inclúe un orzamento de 145.158,91 euros para conectar o depósito de Seixo Branco coa ETAP do Paraíso, de xeito que, como explicou o alcalde, “se hai algunha incidencia nunha rede poida funcionar a outra independentemente”.