INDUSTRIA
A Consellaría colaborará coa construción dunha escultura de Manuel Facal no polígono industrial
Martes 30 de agosto do 2005
A proposta consiste nunha nova escultura de aceiro denominada Outeiro que "presidiría a entrada en Carballo dende a rotonda do polígono industrial", segundo indicou o alcalde. A consellaría de Innovación e Industria xa se comprometeu a realizar unha achega económica e agárdase que o resto do custe sexa asumido entre os empresarios.
Durante a reunión que mantivo o alcalde co Conselleiro, na que estivo presente tamén o concelleiro delegado de Industria, Comercio, Feiras e Mercado de abastos, Xoán Francisco Pérez Ferreiro, trasladáronlle a necesidade dunha nova Estación depuradora de augas residuais (EDAR), da rede eléctrica conectada cunha nova subestación eléctrica, que haxa unha instalación da rede de gas canalizado e que se cumpra a ordenanza municipal en canto ao alumeado, no contorno do parque empresarial.
O alcalde aproveitou para lle trasladar tamén a necesidade de ampliación do solo industrial en Carballo, posto que se agarda que as parcelas desta segunda fase sexan axiña ocupadas. "O que pretendemos é que o eixo Arteixo - Laracha - Carballo se convirta no espazo industrial de referencia do sur da área coruñesa", explicou Evencio Ferrero.
O novo polígono
Coa execución desta segunda fase, Carballo contará cunha superficie total de 1.200.000 metros cadrados de solo industrial. O proxecto desta nova fase supón a ocupación dunha extensión de 738.899 metros cadrados, dos cales 458.672 serán superficie construíble, e que se repartirán en 168 novas parcelas aproximadamente.
O proxecto sectorial do parque empresarial de Carballo contempla tamén a creación de espazos libres e zonas verdes, para os que se reservan 123.678 metros cadrados, así como a construción de vías e aparcadoiros. O número de prazas públicas de aparcadoiro no polígono será de 1.712.
Noticias anteriores: O alcalde de Carballo entrevístase co conselleiro de Innovación e Industria e O novo parque empresarial de Carballo contará con 168 parcelas