Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno Local inicia o proceso de...

A Xunta de Goberno Local inicia o proceso de contratación das obras de ampliación do cemiterio municipal cun orzamento próximo aos 700.000 euros

Hoxe foron adxudicadas as dúas primeiras obras que se executarán con cargo ao remanente de tesourería e iniciouse a contratación de tres máis

Luns 12 de abril do 2021 Carballo ao día

Cemiterio municipal

Cemiterio municipal

A Xunta de Goberno Local puxo en marcha na sesión ordinaria de hoxe o proceso de contratación dun paquete de tres obras que se financiarán con cargo ao remanente de tesourería, entre elas a primeira fase da ampliación do cemiterio municipal, cun orzamento de 699.520,70 euros. As outras dúas son a reforma parcial dos almacéns municipais da Cristina para almacén-garaxe de Protección Civil, por 82.516,43 euros, e a mellora da seguridade viaria no polígono industrial de Bértoa, por 181.329,37 euros.

Deste xeito, xa temos en marcha 9 das 12 obras que se financiarán con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais cun total de 3.411.416,10 euros. Hoxe foron adxudicadas as dúas primeiras: a actuación de mellora da accesibilidade nas beirarrúas da zona da Milagrosa e da avenida Ponte da Pedra, que executará a empresa Excavaciones y Obras Candal por 209.541,22 euros, e as redes de saneamento e abastecemento de auga en Cambre (Lema) e Cambrelle (Razo), que construirá Vázquez y Reino por 375.953,74 euros.

En fase de contratación están tamén as seguintes:

  • Rede de saneamento e abastecemento de auga aos lugares de Leboreo, Requeixo e A Rega, na parroquia de Bértoa: 368.311,59
  • Reforma do centro social do barrio da Milagrosa: 147.317,86
  • Substitución de cuberta e revestimento da fachada do pavillón deportivo “Carballo Calero”: 255.312,90
  • Reforma do mercado, 2ª fase: 101.068,12.

Deste xeito quedarían pendentes estes tres proxectos:

  • Reurbanización da rúa Ponteveda: 151.344,30 euros
  • Reurbanización das rúas Ourense e Baños Vellos: 294.631,77
  • Reforma do Pazo da Cultura, 1ª fase: 428.600,63

Na Xunta de Goberno Local de hoxe tamén foron adxudicadas, por outra banda, as obras incluídas no Plan de mellora de camiños municipais 2020, co-financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, que serán executadas pola empresa Excavaciones y Obras Candal cun orzamento de 59.667,39 euros.

Outros acordos

O goberno municipal aprobou na sesión de hoxe o pago de facturas por importe de 26.088,82 euros, a baixa na adhesión ao convenio coa Xunta para a tramitación de expedientes relativos ao incumprimento das medidas de prevención da COVID-19, un novo convenio co IES Monte Neme para acoller a unha alumna en prácticas, a transmisión dunha licenza de taxi e varias licenzas urbanísticas, entre elas a correspondente á demolición do esqueleto dun edificio situado na rúa Bos Aires. Fóra da orde do día tamén saíu adiante a resolución de concesión definitiva das axudas PEL Reactiva: Fondo de financiamento para a reactivación económica e social da provincia da Coruña.

Compartir: