Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acollerá un dos obradoiros de...

Carballo acollerá un dos obradoiros de cociña para mozos e mozas organizados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade participou na asemblea xeral da entidade, da que forman parte 99 concellos e 3 deputacións

Venres 9 de abril do 2021 Carballo ao día

Imaxe da asemblea telemática, na que participou Maica Ures

Imaxe da asemblea telemática, na que participou Maica Ures

Concienciar aos mozos e as mozas sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación cara un mundo máis sustentable é o obxectivo do proxecto “People & Planet: un destino común”, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no marco da Axenda 2030. Este programa ofrece aos 99 concellos e 3 deputacións que forman parte da entidade organizar numerosas actividades. Este ano, en Carballo apostamos por unha que se denomina “Cambio climático no prato”.

Coa teima de promover estilos de vida máis sustentables, o Fondo Galego realizará un total de 12 obradoiros de cociña noutros tantos concellos, nos que, aplicando un enfoque integral, terase en conta o ciclo de vida dos alimentos, desde o lugar onde se produciron ata que son servidos na mesa. “Con esta información -explican- poderanse tomar decisións máis acertadas sobre a saúde das persoas e do planeta. Asemade, empregaranse produtos de proximidade (km 0), promovendo así a reflexión sobre o consumo enerxético, a pegada hídrica ou a economía local”.

Carballo será unha das doce sedes dos obradoiros de cociña, segundo comunica a concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures, que participou esta semana na asemblea xeral do Fondo Galego. Na xuntanza acordouse co-financiar cun total de 99.813 euros catro proxectos de ONGD galegas na India, Nicaragua, El Salvador e Guatemala. No encontro virtual, que se celebrou coincidindo co Día Mundial da Saúde, tamén se fixo balance dun 2020 marcado pola pandemia e aprobouse por unanimidade o Plan de Actividades para este ano.

Pincha aquí se queres ampliar a información sobre os acordos da asemblea.

Compartir: