Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo pechou o execicio 2020 cun...

A LIQUIDACIÓN PRESENTARASE NO PLENO EXTRAORDINARIO DO LUNS 12 DE ABRIL

O Concello de Carballo pechou o execicio 2020 cun orzamento real de case 40 millóns de euros

Na sesión tamén se resolverán dúas reclamacións ao orzamento deste ano, que será aprobado definitivamente

Venres 9 de abril do 2021 Carballo ao día

Imaxe do último pleno

Imaxe do último pleno

A corporación municipal de Carballo celebrará unha sesión extraordinaria o luns 12 de abril para resolver dúas reclamacións presentadas ao orzamento do 2021 no prazo establecido con esa finalidade. En concreto, e segundo avanzou o alcalde, Evencio Ferrero, hai unha alegación do sindicato USO, que se propón rexeitar por considerala improcedente, e outra presentada polo persoal de axuda no fogar, que o goberno local entende xustificada e que, polo tanto, propón aceptar. Esta modificación suporá que as traballadoras que cumpran cos requisitos de titulación poderán pasar do grupo 5 ao 4, mellorando deste xeito a súa situación salarial, tal como se establece no convenio colectivo. Tras a resolución destas dúas reclamacións, o orzamento do 2021 poderá ser aprobado definitivamente.

No pleno do luns tamén se dará conta da liquidación do orzamento do 2020, un trámite de gran relevancia, posto que, como indicou o alcalde, “permite saber cal é a situación económica dos concellos”. No caso de Carballo, o orzamento inicial de 25.982.402,37 euros aprobado polo pleno da corporación incrementouse ata un orzamento final real de 39.598.388 euros, “unha contía moi elevada”, tal como destacou Evencio Ferrero.

O resultado do orzamento é negativo en 1.089.106,62 euros, polo que se incumpriría o principio de estabilidade orzamentaria, pero como o ano pasado (ao igual ca no actual) ese principio non estivo vixente, “non ten transcendencia”, apuntou o alcalde. O Concello de Carballo aínda así cumpre co límite de débeda e tamén coa regra de gasto.

A liquidación orzamentaria reflicte que o Concello de Carballo pechou o ano cun remanente líquido de tesourería para gastos xerais de 11.320.128,96 euros. Unha parte moi importante desta cantidade, sen embargo, xa está comprometida para obras que se aprobaron o ano pasado pero que aínda non están executadas, polo que, en números redondos, e a falta do informe final dos servizos económicos, para este ano quedarían dispoñibles arredor de 6 millóns de euros. “Tendo en conta a situación económica do concello, a necesidade de ter certo volume de tesourería, e o cumprimento co período legal de pago, entendemos que se poden seguir incorporando remanentes, porque este ano tampouco se aplica estabilidade orzamentaria nin regra de gasto, e a nosa intención é incorporar unha parte deses seis millóns no me de xuño”, avanzou Evencio Ferrero.

Descargas

Compartir: