Inicio Carballo ao día Hemeroteca Capturadas 3.829 raíñas no primeiro...

XA SON MÁIS DE 200 AS PERSOAS COLABORADORAS

Capturadas 3.829 raíñas no primeiro mes da campaña anual de trampeo da avespa velutina

O Concello de Sant Cugat del Vallès interésase pola iniciativa para importar o sistema de Carballo, que xa é o modelo de moitos concellos galegos

Venres 9 de abril do 2021 Carballo ao día

Todas as trampas están localizadas no mapa para facilitar o seu control

Todas as trampas están localizadas no mapa para facilitar o seu control

No primeiro mes da campaña anual de trampeo da avespa velutina impulsada polo Concello de Carballo foron capturadas 3.829 raíñas, case 1.000 máis que o ano pasado, o que reflicte que esta especie invasora segue a ser un problema de grande magnitude.

A campaña, que se prolongará ata finais de maio, conta xa con 201 colaboradores/as, en boa parte apicultores/as, repartidos/as polas 18 parroquias, nas que temos colocadas 1.272 trampas. En todas as parroquias se produciron capturas de raíñas, aínda que nunhas máis ca noutras. Rus volve a figurar á cabeza, coma nos últimos anos. A modo de exemplo, nas 6 trampas colocadas por un colaborador do lugar da Canosa caeron 199 avespas.

Estamos nun momento clave para a loita contra a praga de velutina, xa que cantas máis raíñas consigamos capturar agora menos niños aparecerán máis adiante, polo que dende o Servizo Municipal de Control de Pragas continuamos coa revisión periódica das trampas. Nas que temos colocadas por toda a zona urbana foron capturadas 213 raíñas.

As persoas interesadas en sumarse aínda está a tempo de facelo. Simplemente hai que cubrir o formulario que figura ao pé desta nova e dende o Concello entregaranse, de balde, a trampa e o líquido atraente.

Un modelo para outros concellos

O Concello de Carballo foi pioneiro na organización de campañas de trampeo. A primeira levouse a cabo no ano 2017, e dende aquela cada ano se suman máis colaboradores e colaboradoras. Nos últimos anos, o sistema de participación veciñal implantado no noso concello é modelo a seguir por outros concellos galegos, aos que se suma agora tamén o de Sant Cugat del Vallès. A área de Sustentabilidade e Participación Cidadá do concello catalán vén de poñerse en contacto co noso concello coa intención de aplicar tamén o modelo de Carballo.

Ligazóns

Compartir: