A directora xeral de Formación e Colocación visitou as instalacións do Fórum tras a solicitude de dous obradoiros de emprego por parte do Concello de Carballo
Zeltia Lado realizou un amplo percorrido polo complexo municipal dedicado á formación e o emprego e comprometeu a colaboración do seu departamento para a súa dinamización
Mércores 7 de abril do 2021 Carballo ao día
Visita á Escola de Hostalaría
Tras o convite realizado polo Concello de Carballo, a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, visitou hoxe o Fórum Carballo acompañada polo alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Innovación, Formación e Emprego, Iván Andrade; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e o director do centro municipal de formación, Juan Lorenzo.
Despois dun completo percorrido polas instalacións municipais, que tamén son utilizadas polas Administracións autonómica e estatal, así como por diversas entidades, a directora xeral destacou o seu papel referente na prestación de servizos á veciñanza ao desenvolver unha das prioridades da Administración galega, "a de facilitar a formación da poboación na busca activa de emprego. O Fórum Carballo integra todas as pezas do armazón que compón a xestión das accións formativas e a posta en marcha dos seus recursos nun único espazo”, recalcou Lado.
A Xunta de Goberno Local aprobou hai pouco máis dun mes dúas solicitudes de subvención á Xunta de Galicia para outras tantas accións formativas: por unha banda, para o obradoiro dual de emprego “Carballo Coida”, destinado á formación de 20 alumnos/as traballadores/as durante nove meses na especialidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, e, por outra, para o programa de emprego de garantía xuvenil “Carballo entre fogóns”, no que poderían formarse 12 mozos e mozas durante doce meses na especialidade de Cociña. O investimento previsto polo Concello de Carballo nestes dous proxectos de formación e inserción laboral supera os 650.000 euros.
Evencio Ferrero agradeceu o ofrecemento da directora xeral e puxo, unha vez máis, as instalacións municipais a disposición da Administración autonómica para todo tipo de accións formativas que contribúan ao emprego
Zeltia Lado ofreceu ao alcalde carballés camiñar xuntos “porque a formación vai a ser uns dos piares da recuperación económica do mundo, de España, pero tamén de Galicia, e temos que desenvolver políticas públicas en favor da reactivación do emprego para reciclar ás persoas que foron expulsadas á forza e como consecuencia do Covid-19 do mercado laboral”; sen esquecer, tal e como matizou, ás persoas traballadoras “que aínda estando en situación laboral activa, desenvolvan especialidades en condicións cambiantes”, así como a os nosos mozos e mozas. Evencio Ferrero, pola súa banda, agradeceu o ofrecemento da directora xeral e puxo, unha vez máis, as instalacións municipais a disposición da Administración autonómica para todo tipo de accións formativas que contribúan á consecución dese obxectivo común.