Inicio Carballo ao día Hemeroteca No primeiro trimestre do ano recolléronse...

A MEDIA MENSUAL INCREMENTOUSE EN CASE 200 KG CON RESPECTO AO ANO PASADO

No primeiro trimestre do ano recolléronse 4.545 quilos de aceite de cociña usado nos colectores específicos distribuídos polo concello

Para facilitarche a recollida do aceite facilitámosche, de balde, funís adaptables ás botellas

Martes 6 de abril do 2021 Carballo ao día

Dende a entrada en servizo do actual sistema de recollida de aceite de cociña usado, en agosto do 2018, a media mensual non parou de medrar, e no primeiro trimestre deste ano acadou os 1.515 quilos, case 200 máis que o ano pasado. En xaneiro recolléronse 2.290 quilos; en febreiro, 945, e en marzo, segundo o resumo que vén de remitir a empresa autorizada que se encarga da xestión deste residuo, 1.310.

Os 4.545 quilos depositados polos carballeses e carballesas nos colectores específicos permitiron evitar a contaminación de case 5 millóns de litros de auga.

Nestes momentos hai 30 puntos de recollida distribuídos por todo o concello. Unha das vantaxes deste novo sistema é que os colectores están situados na vía pública, o que permite que poidan ser utilizados os 365 días do ano e as 24 horas do día.

A recollida nos novos colectores vai dirixida aos fogares. As familias deben depositar o aceite de cociña usado en botellas de plástico reutilizadas e pechadas. Para facilitar o depósito, desde o Concello de Carballo ofrecemos á veciñanza funís adaptables ás botellas que poden solicitarse, de balde e ata fin de existencias, na Casa do Concello (departamento de Medio Ambiente).

Compartir: