XA TEMOS 1.253 FAMILIAS E 123 ESTABLECEMENTOS ADHERIDOS
Enviados á planta de compostaxe de Sogama máis de 239.000 quilos de residuos orgánicos dende a posta en marcha do programa "Ti tes a chave"
Achégate o xoves e o domingo ata o posto informativo que estará instalado na rúa Coruña
Luns 5 de abril do 2021 Carballo ao día
Recollida do colector marrón para o seu traslado a Sogama
Dende a posta en marcha do programa “Ti tes a chave” na zona urbana de Carballo, a mediados de xullo do ano pasado, enviamos á planta de compostaxe de Sogama un total de 239.020 quilos de residuos orgánicos. Neste mes de marzo, segundo o resumo de entregas que vén de remitir Sogama, acadamos os 32.120 quilos.
Ti tamén podes reducir os residuos e fomentar a compostaxe. Ven buscar a túa chave para abrir os colectores marróns que temos repartidos por toda a zona urbana. Podes facelo de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas, no local de Carballo Limpo (galerías da rúa Desiderio Varela, 34), e esta semana tamén o xoves e o domingo, coincidindo coa celebración do mercado e da feira, no posto informativo que teremos instalado na rúa Coruña de 10:30 a 13:30 horas.
O stand do programa estará o xoves e o domingo na rúa Coruña
Nestes momentos contamos xa con 1.253 familias e 123 establecementos colaboradores. Se queres unirte achégate e levarás un caldeiro de 10 litros de capacidade para facilitarche a separación dos restos orgánicos no teu fogar, tres atados de bolsas compostables que poderás repoñer cando se che acaben, un tríptico informativo e, por suposto, a chave. E todo de balde!
Dende o Concello de Carballo apostamos pola compostaxe como a fórmula máis axeitada para a xestión da denominada quinta fracción dos residuos e queremos animarte a que apostes ti tamén por un sistema quee contribúe á redución das emisións de dióxido de carbono, garante un fertilizante de calidade e reduce os custos do servizo de recollida de lixo, xa que a tarifa que se paga a Sogama polo tratamento da quinta fracción é inferior á que se debe abonar pola bolsa negra xenérica.