ACOMPAÑÁRONO OS CONCELLEIROS JUAN SEOANE E LUIS LAMAS
O alcalde visitou as obras de reforma da planta principal do Mercado Municipal e os postos provisionais do soto
O obxectivo da actuación é revitalizar a praza de abastos adaptándoa ás demandas da sociedade actual
Martes 30 de marzo do 2021 Carballo ao día
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, realizou unha visita ás obras que se están a desenvolver na planta principal do Mercado Municipal acompañado polo concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e polo de Feiras e Mercados, Juan Seoane, que lles explicou como será a nova distribución. O obxectivo último é revitalizar a praza de abastos, e con esa finalidade estase a adaptar, por unha banda, ás necesidades dos comerciantes que a ocupan, e, por outra, ás demandas da sociedade actual, introducindo unha serie de servizos que contribúan a facela máis atractiva e a facilitar a súa inclusión na rede de mercados excelentes de Galicia.
Ademais do cambio de emprazamento dalgúns postos e da ampliación doutros, crearanse unha nova zona de degustación vinculada a un novo establecemento de hostalaría, unha oficina de conserxería-punto de información, unha sala de lactación e outra de usos múltiples. Tamén se reformará o soto para crear catro almacéns con acceso directo ao garaxe.
Precisamente no soto están situados provisionalmente, mentres se desenvolven as obras, os postos de carne, peixe, froita, pan e queixo que integran a oferta actual de alimentación no Mercado Municipal. O alcalde e os concelleiros tamén se achegaron a esta zona do edificio para interesarse pola situación na que se está a desenvolver a actividade comercial. O acceso á sala de ventas realízase dende a Praza do Concello.
O Concello de Carballo está a realizar un investimento de 172.000 euros nesta primeira fase do plan de modernización do mercado, para a que conta cunha subvención de 50.000 euros do Agader. Nunha segunda fase prevese a instalación dun ascensor para mellorar a accesibilidade dende a Praza do Concello.