Aprobadas as primeiras bonificacións de impostos do ano para dúas empresas de nova instalación no polígono de Bértoa
A corporación puido celebrar este luns o primeiro pleno presencial dende outubro. O 12 de abril haberá unha sesión extraordinaria
Martes 30 de marzo do 2021 Carballo ao día
A corporación municipal de Carballo aprobou este luns as primeiras bonificacións de impostos do ano para dúas empresas de nova instalación no polígono industrial de Bértoa, unha dedicada á fabricación de produtos de panadaría e pastelaría e outra de produtos químicos, que realizarán un investimento, en total, superior a 1 millón de euros. O acordo, adoptado por unanimidade, supón unha redución do 95% no Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), de xeito que a cota da panadaría redúcese de 10.136,68 a 506,84 euros e a da fábrica de produtos químicos, de 16.616,08 a 830,80.
A este importante aforro sumarase o 95% de bonificación durante os tres primeiros anos de actividade tanto no Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) coma no Imposto sobre Actividades Económicas (IAE).
Por outra banda, na sesión foron aprobadas por unanimidade as compatibilidades de dous docentes do Conservatorio Profesional de Música para compaxinar a súa actividade en Carballo e noutros centros de ensino musical.
O único asunto da orde do día que non saíu adiante foi a moción de Terra Galega na que solicitaba a anulación dun acordo adoptado no pleno anterior respecto dunha parcela no lugar da Rega, na parroquia de Bértoa. A proposta de TeGa non obtivo o respaldo de ningún dos outros grupos: BNG e PSOE votaron en contra e o PP abstívose.
No apartado de rogos e preguntas, TeGa interesouse polas axudas a empresas e varias cuestións relacionadas coa área de Deporte, entre outras.
A sesión celebrada este luns foi a primeira celebrada presencialmente dende o mes de outubro do ano pasado, grazas á melloría da situación sanitaria. A corporación municipal volverá a reunirse o 12 de abril en sesión extraordinaria para resolver dúas alegacións presentadas ao orzamento.