RESTRINXIDO O TRÁNSITO DE VEHÍCULOS PESADOS POLA ZONA URBANA
Corte de tráfico e anulación da parada de autobús da rúa Perú ata o martes 6 de abril por mor das obras de reurbanización
Hoxe tamén comezou a construción da rotonda da avenida de Bergantiños, que estará parcialmente pechada esta semana
Luns 29 de marzo do 2021 Carballo ao día
A parada de autobuses non estará operativa ata o martes 6 de abril
A rúa Perú estará pechada ao tráfico dende o martes 30 de marzo ata o martes 6 de abril para facilitar o desenvolvemento das obras de pavimentación da calzada e a construción da rotonda que mellorará a fluidez do tráfico no cruce coas rúas Pontevedra e Ecuador. A empresa construtora, Vázquez y Reino, prevé desenvolver os traballos entre mañá e o mércores, pero será preciso evitar o tránsito de vehículos durante as xornadas seguintes para que poida fraguar o cemento. Tan só se permitirá o acceso a persoas residentes e/ou usuarias de garaxes, e os turismos procedentes da avenida Ponte da Pedra tamén poderán circular ata a rúa Ecuador, pola que serán desviados. Os accesos ás rúas Pontevedra e Ourense estarán pechados.
O corte da rúa afecta á circulación dos autobuses, o que obrigará a anular durante estes días a parada de autobús. As persoas usuarias do transporte público deberán dirixirse ou ben á estación de autobuses ou ben a calquera das paradas situadas na rúa Vázquez de Parga. O servizo restablecerase o martes 6.
Hoxe empezaron as obras da rotonda da avenida de Bergantiños
Hoxe comezaron tamén as obras de construcción da rotonda que contribuirá á mellora da circulación nos cruces das rúas Vila de Corcubión, Alfredo Brañas e avenida de Bergantiños. Esta última está parcialmente pechada ao tráfico para facilitar o desenvolvemento dos traballos que executa a empresa Excavaciones Candal. A glorieta terá 19,5 metros de diámetro, e quedará lista o mércores.
O Concello de Carballo decidiu aproveitar as vacacións de Semana Santa para acometer estas actuacións, dado que non circula o transporte escolar e tamén se reduce o de mercadorías. Aínda así , durante toda esta semana está restrinxida a circulación de tráfico pesado pola zona urbana, e os camións son desviados pola circunvalación da AG-55.
Por outra banda, hoxe tamén comezou o pintado da travesía urbana da estrada de Ordes, que estaba pendente despois da mellora da pavimentación da vía por parte da Deputación da Coruña.