ENTRA E SOLICITA O KIT DE TRAMPEO
Repartidas máis de 1.000 trampas entre a veciñanza para loitar contra a avespa velutina
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a adhesión ao convenio doa Xunta e a Fegamp para o control da especie
Luns 29 de marzo do 2021 Carballo ao día
Dentro duns días coñeceremos o balance do primeiro mes da campaña de trampeo da avespa velutina, que, como é habitual dende hai xa uns anos no noso concello, lévase a cabo durante os meses de marzo, abril e maio, aproveitando a época na que as raíñas soen espertar do seu letargo invernal e empezar a construción dos niños dos que sairán, se non se lle pon remedio, miles de avespas.
Este ano contamos cun verdadeiro exército do que forman parte case 150 voluntarios e voluntarias, apicultores/as na súa maioría, que levan colocadas xa máis de 1.000 trampas por todas as parroquias. As persoas interesadas en colaborar poden solicitar o kit de trampeo cubrindo o formulario que atoparedes máis abaixo.
Estamos nun momento clave para a loita contra a praga de velutina, xa que cantas máis raíñas consigamos capturar agora menos niños aparecerán máis adiante, polo que dende o Servizo Municipal de Control de Pragas continuamos coa revisión periódica das trampas. E lembra que actualmente os avisos para a retirada de niños deben realizarse chamando ao teléfono da Xunta de Galicia 012.
Precisamente hoxe a Xunta de Goberno Local aprobou a adhesión ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fegamp para a coordinación de actuacións no desenvolvemento do programa galego de vixilancia e control fronte á avespa asiática. Mediante este acordo, a Administración autonómica comprométese a atender os avisos nun prazo máximo de 5 días hábiles e a sinalizar a localización dos niños inactivos que non se retirasen para evitar réplicas de avisos. Pola súa banda, o Concello de Carballo deberá coordinarse coa Xunta de Galicia e apoiar os labores de retirada de niños a requirimento desta.