O Concello de Carballo facilita o desenvolvemento de prácticas formativas a estudantes de distintas especialidades
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe cadanseu convenio co CIFP Anxel Casal da Coruña e o Centro Universitario Superior Europeo
Luns 29 de marzo do 2021 Carballo ao día
O alumnado do máster de Psicoloxía Xeral Sanitaria do Centro Universitario Superior Europeo realizará as prácticas na UCA
O Concello de Carballo trata de facilitar o desenvolvemento de prácticas formativas a estudantes de distintas especialidades, tanto para contribuír á mellora dos seus expedientes académicos como para que poidan aplicar os seus coñecementos nun centro de traballo e prepararse, deste xeito, para a incorporación ao mundo laboral.
No que vai de 2021 foron aprobados catro convenios con outros tantos centros formativos, os dous últimos na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe. Por unha banda, o Concello de Carballo colaborará co Centro Universitario Superior Europeo (CUSE) para o desenvolvemento da formación práctica do alumnado do Máster Universitario en Psicoloxía Xeral Sanitaria, que se adscribirá á Unidade de Condutas Adictivas (UCA). Por outra, hoxe tamén recibiu luz verde un acordo co CIFP Anxel Casal Monte Alto para que unha alumna do ciclo de animación sociocultural e turística poida realizar prácticas no departamento de Cultura.
Estes dous novos convenios súmanse aos aprobados en xaneiro coa Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia, por unha banda, e co IES Monte Neme de Carballo, por outra.
Na sesión de hoxe tamén foron aprobadas facturas por importe de 23.135,61 euros e varias licenzas urbanísticas. Fóra da orde do día saíron adiante as bases do concurso “Surfea Carballo”, que se desenvolverá nas redes sociais de Turismo, e do que atoparás toda a información na ligazón inferior.