Inicio Carballo ao día Hemeroteca A infancia carballesa empeza a crear a...

DÍA FORESTAL MUNDIAL

A infancia carballesa empeza a crear a "Carballeira do futuro" coa plantación dos primeiros 49 carballos

Cada unha das pequenas árbores está identificada cunha estaca de madeira que leva o nome do seu padriño ou madriña

Sábado 27 de marzo do 2021 Carballo ao día

Ademais das landras emprendedoras que fan do polígono industrial de Bértoa un dos máis dinámicos de Galicia a nivel empresarial, coa axuda dos nosos nenos e nenas queremos que prendan tamén as landras dunha gran “Carballeira do futuro” que simbolice o compromiso dos carballeses e as carballesas cun desenvolvemento sostible representado pola árbore que nos identifica e nos representa.

Coincidindo coa celebración adiada do Día Forestal Mundial, a maioría dos nenos e nenas que plantaran cadansúa landra no Horto Infantil Ecolóxico Municipal no ano 2018 puideron transplantar hoxe os pequenos carballos nados desas landras nunha parcela municipal do parque empresarial. No acto participaron o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, e o alcalde, Evencio Ferrero, que apelou á responsabilidade da cidadanía para facer fronte á COVID-19 e conseguir recuperar a normalidade “no prazo máis breve posible. Os nenos e nenas meréceno e necesítano”.

Na actividade de hoxe, que se desenvolveu en tres quendas, participaron un total de 49 nenos e nenas, padriños e madriñas dos carballiños. Xunto a cada unha das pequenas árbores colocouse unha estaca de madeira identificada co nome do padriño ou madriña e un número, para que a partires de agora cada un/ha dos participantes se encargue do coidado do seu carballo. “Agardamos que todos prendan”, desexou o alcalde.

Senda Nova repartirá mañá 50 carballos

A celebración do Día Forestal Mundial continuará mañá domingo cunha actividade organizada pola Asociación Ambiental Senda Nova aproveitando o mercado dominical. O Concello de Carballo tamén colaborará achegando un total de 50 carballos autóctonos que serán entregados en macetas artesanais e biodegradables.

Compartir: