Carballo celebra a Hora do Planeta cun apagamento simbólico do alumeado público da Praza do Concello
A Casa do Concello estará iluminada de cor amarelo durante a fin de semana atendendo á solicitude da asociación galega de mulleres con endometriose
Venres 26 de marzo do 2021 Carballo ao día
Ao igual que en edicións anteriores, o Concello de Carballo sumarase este sábado á Hora do Planeta, unha iniciativa da ONG de protección da natureza WWF coa que se pretende demostrar que xa non hai volta atrás e que todas e todos somos parte da solución ao cambio climático. O lema deste ano é #ConéctateCoaNatureza na #HoradoPlaneta.
Desde o Concello de Carballo queremos reiterar o noso compromiso na loita contra o cambio climático e en favor da biodiversidade, e con esa intención procederemos ao apagamento simbólico da iluminación da Praza do Concello de 20:30 a 21:30 horas. Convidamos á veciñanza a que reforce esta iniciativa apagando as luces dos seus fogares e/ou negocios durante unha hora, un pequeno xesto que o noso planeta ben merece.
Dende a entidade organizadora da Hora do Planeta faise fincapé en que “a natureza é o sistema de soporte vital do planeta”, e que dun xeito especial no último ano vimos de comprobar da súa importancia para o nosos futuro. “O que lle facemos á natureza tamén nolo facemos a nós mesmos, e por iso precisamos reparar urxentemente esta relación rota. 2021 é o inicio da década clave para a biodiversidade e a defensa da natureza, con grandes citas mundiais como o Cume da Diversidade Biolóxica de Kunming e o Cume do Clima de Glasgow”.
Día da endometriose
Durante a Hora do Planeta apagaranse as luces de toda a Praza do Concello e tamén a iluminación especial da Casa do Concello, que dende hoxe venres ata o domingo lucirá de cor amarela, a petición da asociación galega de mulleres con endometriose, para visibilizar unha patoloxía que afecta a milleiros de mulleres.