Inicio Carballo ao día Hemeroteca Rematadas as obras da estrada da Canosa ao...

Rematadas as obras da estrada da Canosa ao Pereiro Vello, que se suma á rede de vías municipais aglomeradas

O Concello de Carballo investiu no último ano máis de 800.000 euros en aglomerados

Mércores 24 de marzo do 2021 Carballo ao día

Evencio Ferrero, Juan Seoane e Luis Lamas, durante a visita á obra

Evencio Ferrero, Juan Seoane e Luis Lamas, durante a visita á obra

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e o de Mobilidade, Juan Seoane, fixeron un percorrido pola estrada que comunica os núcleos da Canosa (Rus) e Pereiro Vello (Entrecruces) coincidindo co remate das obras de aglomerado da vía. Os traballos, executados pola empresa Arias Infraestructuras por 238.992,77 euros, consistiron na regularización de anchos da vía, que pasa a ter 6 metros de media, e no estendido dunha nova capa de rodaxe con aglomerado en quente, que rematou onte.

Así mesmo, o proxecto incluíu a instalación da rede de abastecemento de auga aos lugares da Canosa, Braña de Abaixo e Braña e Arriba, e a sinalización correspondente, que se completará nos vindeiros días.

A estrada de Canosa ao Pereiro Vello sumarase deste xeito a rede municipal de vías aglomeradas, que no último ano incrementouse en varios quilómetros grazas a un investimento de máis de 800.000 euros por parte do Concello de Carballo nas estradas de Paradela a Prearada, na parroquia de Sofán; de Xoane ao Piñeiro, en Goiáns, e de Xamozo (Artes) a Santa María de Ardaña.

A maiores, a Deputación Provincial da Coruña acometeu o aglomerado dos 2,5 primeiros quilómetros da vía da Feira de Berdillo (Artes) ao Moucho (Berdillo), cun orzamento próximo aos 200.000 euros.

Compartir: