6 dos 19 niños de píllara das dunas controlados o ano pasado no noso litoral conseguiron saír adiante
O Grupo de traballo sobre a píllara das dunas, no que está integrado o Concello de Carballo, celebrou hoxe unha xuntanza para facer balance e planificar a nova temporada
Luns 22 de marzo do 2021 Carballo ao día
Píllaras das dunas (Foto: Ramsés Pérez - Adega)
Malia as dificultades derivadas das restricións pola situación de emerxencia sanitaria, o Grupo Naturalista Hábitat e a Asociación Ambiental Senda Nova puideron localizar 19 niños durante a campaña de seguimento da píllara das dunas realizada o ano pasado no noso litoral. Nos 6 niños que conseguiron saír adiante naceron 17 polos, e, segundo os datos contrastados con Conservación da Natureza, tense constancia de oito polos volantóns procedentes de catro deses niños. Os datos presentáronse na xuntanza celebrada esta mesma mañá polo Grupo de traballo sobre a píllara das dunas para facer balance da temporada 2020 e deseñar o plan de actuación para o 2021.
Ademais das 9 saídas realizadas ao complexo Razo-Baldaio por Hábitat e Senda Nova, o ano pasado tamén se levou a cabo unha charla online sobre as tarefas de seguimento que se levan a cabo nos nosos areais, e na que se expuxeron os datos e os resultados das campañas anteriores, así coma as características e problemáticas da especie. Atoparás a ligazón á charla ao final desta nova.
En canto ás propostas e reivindicacións para a conservación da píllara das dunas en Baldaio-Razo, por parte dos membros do grupo aludiuse á importancia de respectar o plan de conservación vixente, que incluso pensan que debería ser obxecto de revisión; de extremar a vixilancia e o control sobre as principais ameazas, entre as que destacaron a presenza de cans soltos nas praias, e tamén de seguir apostando pola limpeza non mecanizada dos areais, un aspecto no que dende o grupo de seguimento valórase moi positivamente a implicación do Concello de Carballo.
Tamén se destacou o importante esforzo de sinalización e información que se vén realizando por parte do noso concello para que as persoas usuarias das praias e a poboación en xeral coñezan e axuden a protexer a pequena xoia que aniña no litoral carballés. Baldaio é, de feito, un dos poucos espazos que conta coa declaración de Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA).
Se queres saber máis sobre a píllara das dunas descarga máis abaixo o boletín A Mobella, publicado polo Grupo Naturalista Hábitat, que na páxina 19 inclúe un interesante artigo.