Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello reordena os postos da feira para...

OBRAS NA MILAGROSA

O Concello reordena os postos da feira para comezar coas obras da Casa dos Oficios

Martes 30 de agosto do 2005

O traslado dos postos á rúa do Xílgaro e á de Saturnino Cuíñas - preto do colexio San Luis Romero - farase efectivo o 11 de setembro, coa celebración da feira quincenal de Carballo neste novo espazo. O único local que non se vai demoler será o ocupado pola pulpeira, ao que se lle engadirán, de xeito provisional, as instalacións dos dous únicos concesionarios de postos fixos que aínda quedan por resolver.

O 29 de agosto asinouse a acta de traza da obra de derribo, na que se estableceron as condicións dos traballos que debe cumprir a empresa adxudicataria. O Concello ten previsto que as obras rematen a finais do mes de setembro, data para a que se conta ter adxudicada a construción da primeira fase da estrutura dos edificios da futura Casa dos Oficios, que acollerá as instalacións do Centro Municipal de Formación.

Casa dos Oficios

Os alumnos da cuarta escola obradoiro municipal, que comezaron a súa formación a finais de xuño, serán os encargados de iniciar a construción da Casa dos Oficios, que estará conformado por cinco edificios e ocupará unha superficie total de 10.815 metros cadrados. Neste novo edificio situaranse as aulas do Centro Municipal de Formación, así coma un novo auditorio de uso empresarial. No espazo do exterior deste complexo seguiranse a realizar as feiras os segundos, cuartos e quintos domingos de mes.

Compartir: