A rúa Vila de Laxe estará pechada ao tráfico a partir do 5 de febreiro por obras
Xoves 4 de febreiro do 2021
Co inicio das obras de reurbanización das rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia, que nos permitirán completar as infraestruturas viarias dunha zona altamente sensible en canto á seguridade viaria, a rúa Vila de Laxe estará cortada ao tráfico a partir do 5 de febreiro.
A actuación nesta rúa será integral, cunha solución de plataforma única seguindo o modelo das rúas Ponte ou Xúpiter e facilitando a conexión entre as dúas prazas existentes a ámbalas marxes. As obras afectarán tamén á renovación ou ampliación dos servizos urbanísticos, xa que, por exemplo, a rede de auga é de fibrocemento, non hai canalizacións separadas para as augas pluviais e residuais e o abastecemento eléctrico realízase con cables acaroados ás fachadas.
A mellora dos servizos urbanos, solucionando as carencias e deficiencias dos existentes, é un dos obxectivos das obras nas tres rúas incluídas no proxecto.