Inicio Carballo ao día Hemeroteca O acondicionamento do campo de fútbol das...

MELLORAS NAS INSTALACIÓNS ESCOLARES E DEPORTIVAS

O acondicionamento do campo de fútbol das Pedreiras entra na súa recta final

Luns 28 de agosto do 2006

Nestes días están a desenvolverse no CEIP Gándara Sofán os traballos destinados a pechar a pista polideportiva do centro. Satisfaise así unha vella demanda da comunidade educativa, que viña reclamando un espazo máis axeitado para a práctica do deporte. Os veciños e a mocidade da parroquia, que utilizan as instalacións fóra do horario escolar, tamén se beneficiarán dos traballos.

As tarefas terán continuidade no CEIP Fogar. Neste centro, os traballos consistirán en dotar dun peche o pavillón polideportivo cuberto. Melloraranse así, o mesmo que no caso do CEIP Gándara Sofán, as condicións e o uso dun equipamento que tanto os escolares como a mocidade da zona utilizan a cotío para a práctica deportiva. Ademais están a desenvolverse obras de reparación do falso teito no pavillón municipal da zona escolar.

Estas actuacións de mellora dos equipamentos escolares e deportivos danlle continuidade a outras realizadas polo goberno municipal neste mandato, tanto nos distintos centros de ensino da localidade (unitarias e centros de infantil e primaria), como nas instalacións deportivas: pavillón no CEIP A Cristina, pista polideportiva e área recreativa no CEIP Bergantiños, peche do CEIP Fogar, acondicionamento da fachada do CEIP de Nétoma - Razo, acondicionamento do campo de fútbol do Sofán FC, ou os campos de terra nas Eiroas - Bértoa. Constátase deste xeito que a educación e o deporte figuran entre as prioridades marcadas polo actual goberno, de cara a mellorar a calidade de vida dos carballeses e das carballesas.

Compartir: