O Concello de Carballo adhírese ao convenio entre Xunta e Fegamp para a tramitación de sancións polo incumprimento das medidas de prevención da COVID-19
Martes 8 de decembro do 2020
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adhesión do Concello de Carballo ao convenio entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e a Federación Galega de Municipios e Provincias “para a realización das actuacións auxiliares e de colaboración material na tramitación dos procedementos sancionadores competencia dos concellos de Galicia, en relación co incumprimento das medidas de prevención aprobadas para a loita contra a COVID-19”.
O acordo entre Xunta e Fegamp foi asinado o 27 de novembro, como consecuencia do informe do Consello Consultivo de Galicia que outorga aos concellos a responsabilidade da tramitación das sancións, o que implica a xestión dun elevado número de expedientes. O obxectivo do convenio, que estará vixente ata o levantamento da declaración de situación de emerxencia sanitaria, é que dende a Xunta se poida prestar colaboración técnica e administrativa.
Deste xeito, a Xunta comprométese a prestar esa asistencia aos concellos para todos os expedientes sancionadores por feitos producidos despois do estado de alarma, mentres que os concellos adheridos deberán iniciar, instruír e resolver os procedementos, ademais de compensar á Administración autonómica cunha parte dos ingresos correspondentes ás sancións.