Inicio Carballo ao día Avisos Augas de Galicia completa a limpeza das canles...

Augas de Galicia completa a limpeza das canles fluviais do noso concello iniciada no mes de agosto

Mércores 25 de novembro do 2020

Augas de Galicia está a levar a cabo traballos de conservación e mantemento do dominio público hidráulico na parroquia de Razo, segundo a información remitida hoxe ao Concello. Os traballos forman parte do contrato correspondente ao “Servizo de actuacións de conservación, mantemento e mellora do dominio público das bacías de Galicia-Costa no ámbito territorial da zona Galicia-Norte e as súas zonas de acceso e protección”, que comezaran a principios de agosto e quedaran interrompidos a finais de outubro.

Na fase actual, os labores desenvólvense ao longo de 1.800 metros do Rego de Oza, 900 do río Monte Neme e 450 do río Barcia. Os traballos consisten na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así coma madeira morta, ademais da roza selectiva en treitos cubertos por maleza dentro do ancho da canle. Os medios mecánicos que se están a utilizar son motoserras, desbrozadora, tractor e camión.

Na primeira fase dos traballos, entre agosto e outubro, leváronse a cabo traballos semellantes nos ríos Anllóns, Queo de Abaixo, Rego da Balsa e Grande, nas parroquias de Bértoa, Oza, Carballo, Entrecruces, Rus e Ardaña. En total limpáronse máis de 11 quilómetros de canles fluviais.

Compartir: