COMUNICADO DA EMPRESA CONCESIONARIA
Solucionadas as incidencias na recollida do lixo
Martes 22 de agosto do 2006
A empresa Rexer conta con catro vehículos de recollida de lixo. Un de grandes dimensións adicado á recollida de lixo no casco urbano, dous máis pequenos para a recollida no rural e dos envases lixeiros e un cuarto destinado á recollida de cartón a domicilio.
O pasado luns día 14, por mor de problemas cun destes vehículos, fíxose inviable a recollida de lixo en Razo e parte de Oza. O martes 15 e o venres producíronse novas avarías nun dos camións destinados a efectuar o servizo na zona rural. Nestas dúas datas, a recollida no rural efectuouse co camión destinado á zona urbana, de grandes dimensións. Así, algún dos puntos da ruta, de difícil acceso, quedou sen atender.
Atendendo a estes problemas, o xoves Rexer procedeu a contratar un camión de semellantes características aos empregados habitualmente. Deste xeito comezaron a solucionarse os atrasos na recollida, quedando o venres sen recoller as zonas de Bértoa e a Brea. A recollida de envases lixeiros efectuouse o sábado á tarde, polo que se rexistrou un considerable desbordamento nos colectores durante uns días. Tamén se procedeu á recollida da zona de Sofán, o sábado á noite, e Bértoa, o luns no canto do sábado.
Tras as devanditas incidencias, e grazas a un importante esforzo realizado pola empresa, está xa regularizado o servizo de recollida. Con todo, dende Rexer apuntan que está a rexistrarse un importante incremento nas toneladas de lixo recollido, moi superior ao mes de agosto de 2005. Este aumento podería deberse ao aumento da poboación estacional con respecto ao pasado ano.