Inicio Carballo ao día Avisos Criterios e procedemento establecidos pola Xunta...

Criterios e procedemento establecidos pola Xunta para a distribución de máscaras entre o alumnado de primaria, ESO e educación especial

Luns 16 de novembro do 2020

Dende o luns 16 ata o xoves 26 de novembro, ámbolos dous incluídos, está aberto prazo de solicitude de máscaras por parte de pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado que non presentou solicitude de material escolar en tempo e forma ou resultou excluída. Os criteiros e o procedemento establecidos pola Xunta para que os centros docentes públicos dependentes da Consellería de Educación e os centros privados concertados distribúan máscaras entre alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial no curso 2020/21.

Alumnado destinatario

O alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial que:

  1. Fose beneficiario da axuda para adquirir material escolar.
  2. Non fose beneficiario da axuda para adquirir material escolar por diferentes circunstancias, pero:
    1. Pertenza a familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 6.000 €.
    2. Estea matriculado en educación especial, ou suxeito a tutela ou garda da Xunta de Galicia ou teña unha discapacidade igual ou superior ao 65 %, con independencia da renda da unidade familiar.

Renda per cápita da unidade familiar

Para os efectos desta orde, a renda per cápita da unidade familiar é o resultado de dividir a renda da unidade familiar do exercicio fiscal 2018 entre o número de membros computables, tendo en conta que computarán por dous os membros que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33 % ou a percepción dunha pensión da Seguridade Social por incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez, ou a equivalente de clases pasivas.

A renda da unidade familiar será o resultado de sumar as rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, de conformidade coa normativa reguladora do IRPF.

Nos casos de violencia de xénero non se terán en conta os ingresos do agresor para determinar a renda per cápita da unidade familiar.

Membros computables da unidade familiar

  1. Os pais non separados legalmente nin divorciados ou, de ser o caso, o titor ou titores do alumnado.
  2. Os/as fillos/as menores de idade con excepción dos emancipados. Terán a mesma consideración que os/as fillos/as as persoas en situación de tutela ou acollemento familiar permanente ou preadoptivo legalmente constituído.
  3. Os/as fillos/as maiores de idade discapacitados ou incapacitados xudicialmente, sempre que estean suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
  4. Os/as fillos/as solteiros/as menores de 25 anos e que convivan no domicilio familiar.
  5.  Os proxenitores separados legalmente ou divorciados con custodia compartida forman unha unidade familiar cos fillos que teñen en común.
  6. A persoa que, por novo matrimonio, en situación de unión de feito ou en situación de afectividade análoga ás anteriores con convivencia, resida no domicilio familiar coa persoa proxenitora do alumnado, agás nos casos de custodia compartida.
Cando non exista vínculo matrimonial, a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nai e todos os descendentes que convivan con eles e que reúnan os requisitos do punto anterior.Non terá a consideración de membro computable:
  1. A persoa proxenitora que non conviva co alumnado nos casos de separación legal ou divorcio, agás no caso de custodia compartida.
  2. O agresor nos casos de violencia de xénero.
Terase en conta a situación persoal e a composición da unidade familiar en 31 de decembro de 2018, agás no relativo á violencia de xénero, que se aplicará o disposto na lexislación específica.

Competencia e procedemento

Corresponderalles aos centros docentes incluídos no ámbito desta orde, a través da aplicación informática, tramitar as solicitudes e realizar os demais actos de xestión.

Alumnado exento de presentar solicitude

Non terá que presentar solicitude o alumnado que fose beneficiario da axuda para adquirir material escolar no curso 2020/21.

Documentación

Solicitude (Anexo I)

  1. Anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar).
  2. Copia do libro de familia ou documento equivalente, onde figuren o alumno e os demais membros computables da unidade familiar.
    En caso de separación ou divorcio, ademais deberán achegar a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/a menor.
    Excepcionalmente, poderase acreditar o número de membros computables utilizando algún dos seguintes medios:
    1. Certificado ou volante de convivencia.
    2. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.
    Nos casos especiais, en que a composición da unidade familiar non se axuste ao sinalado no artigo 4.1 desta orde, achegarase un certificado ou volante de convivencia en que deberán figurar o/a alumno/a e todos os familiares que convivan con el/ela, ou un certificado dos servizos sociais do concello que acredite a situación familiar.
  3. Certificado do grao de discapacidade do/da alumno/a ou calquera membro da familia recoñecido por un órgano que non pertenza á Xunta de Galicia.
  4. Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero no ámbito familiar, en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
  5. Resolución xudicial de incapacitación con patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
  6. Resolución administrativa ou xudicial acreditativa da situación de acollemento ou do certificado do centro de menores, para o alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.
  7. Certificado de convivencia, volante de convivencia ou informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia, no caso de que o pai e a nai ou o titor ou titores carezan de DNI e NIE.

Presentación de solicitudes

Deberán presentar solicitude os pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado que non presentou solicitude de material escolar en tempo e forma ou resultou excluída. No caso de alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, presentará a solicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa coa que conviva en acollemento familiar.A solicitude será única para todos os fillos e, de ser o caso, tutelados, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2020/21; se están admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros.As solicitudes deberán presentarse presencialmente no centro docente onde estea matriculado o alumno utilizando o formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou no centro docente.

Compartir: