O prazo para a solicitude de autorizacións para a venda ambulante estará aberto do 11 de novembro ao 9 de decembro
Luns 9 de novembro do 2020
Dende o 11 de novembro ata o 9 de decembro estará aberto o prazo para que as persoas con autorización para a venda ambulante soliciten a renovación desta para o exercicio 2021.
- As solicitudes de renovación presentaranse preferentemente por vía telemática acompañando a documentación que establece a Ordenanza reguladora de feiras, mercados e venda ambulante do Concello de Carballo e indicada no modelo de solicitude que se facilitará. Tamén poderán presentarse por calquera dos medios que sinala a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.
- Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes de renovación, o Concello analizará e resolverá estas, así como as novas solicitudes de venda ambulante formuladas dentro deste prazo, dando preferencia a aquelas solicitudes que tivesen autorización concedida para o ano en curso. Debido ás especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria provocada pola COVID 19, as autorizacións, no que respecta á superficie de ocupación e demais circunstancias, poderán ser axustadas en función das condicións sanitarias vixentes en cada momento.
- As persoas que soliciten autorización para o exercicio da venda ambulante no Concello de Carballo terán que estar, na data de remate do prazo de solicitudes (09 de decembro de 2020), ao corrente de pagamentos con esta administración local e co resto de administracións públicas. Particularmente, o Concello de Carballo denegará a renovación da autorización para a venda ambulante a aquelas persoas que non aboasen a taxa correspondente ao ano 2020 ou teñan pendentes pagamentos anteriores, así como a aquelas persoas que incumprisen algunhas das obrigas legais inherentes ao exercicio da actividade.
Normativa
A Ordenanza reguladora das feiras, mercados e venda ambulante do Concello de Carballo foi aprobada inicialmente no Pleno do Concello de 29 de novembro de 2004, e publicada a súa aprobación definitiva no Boletín Oficial da Provincia de A Coruña de data 2 de xuño de 2006, despois de non terse presentado reclamacións.
O Pleno do Concello de 26 de xaneiro de 2009 acordou a modificación de varios artigos do seu texto (BOP do 09/02/2009).O artigo 16.1 da citada ordenanza sinala que “para a instalación dun posto de venda ambulante no municipio, ou para a realización da venda ambulante sen posto, mediante o acarrexo persoal polo vendedor de mercadorías a pé, en tránsito polas vías públicas locais, será preciso a obtención da correspondente autorización municipal, conforme ao procedemento que se especifica na presente ordenanza”.
Igualmente, o artigo 16.4 desta ordenanza indica que “a autorización terá a vixencia de un ano natural, caducando polo tanto o 31 de decembro. A autorización entenderase caducada automaticamente, sen que sexa preciso notificación [...] sendo preciso a tramitación dunha nova para cada ano”.