Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello e a Consellería de Cultura...

CULTURA

O Concello e a Consellería de Cultura asinan un convenio de colaboración para a celebración do FIOT

Luns 14 de agosto do 2006

O Festival Internacional Outono de Teatro ten xa determinadas as datas de celebración para este ano. Como xa é habitual, o Festival principiará a segunda fin de semana de outubro e rematará o 1 de novembro. O programa está xa bastante avanzado, pois xa hai reservados varios espectáculos. Así, abrirá o FIOT 2006 a compañía galega Teatro do Noroeste co ambicioso espectáculo Imperial: Café cantante. A compañía está dirixida por un dos máis importantes directores galegos, Eduardo Alonso, que dirixe e tamén é o autor do texto. Ademais, este director rodéase de actores consagrados da interpretación galega, como Luma Gómez, Maxo Barjas, Miguel Pernas, Carlos Mosquera e Inma Antonio.

Tamén está confirmada, para esta edición do FIOT, unha das compañías importantes do panorama nacional: Tanttaka Teatroa. Esta compañía vasca representará o coñecido espectáculo El florido pensil, que cumpre dez anos desde a súa primeira representación no ano 1996 e que agora, despois de ser un dos éxitos da escena estatal máis recente, retómaa a compañía para celebrar o aniversario. Tanttaka Teatroa conta cunha longa e existosa traxectoria no panorama teatral, acadando éxitos moi importantes cos seus espectáculos como varias nominacións aos Premios Max de Teatro.

Compartir: