VERÁN CULTURAL
As homenaxes a Brañas e ao Quixote centran os actos da Feira do libro de Carballo
Venres 26 de agosto do 2005
O Festival folclórico de Carballo celébrase o venres 26 na Praza do Concello, a partir das 22.00 horas, coa actuación de dúas das agrupacións máis importantes de Bergantiños: o grupo de baile e música Nemeth e o grupo de música tradicional Bilitroque, de Verdillo. Estes grupos realizarán unha exhibición de baile e música para amosar o importante traballo de investigación e de recuperación do folclore local que desenvolveron durante todo o ano.
A tarde do venres, no recinto da mostra no Xardín municipal, os escritores Cesáreo Sánchez Iglesias e Anxos Sumai asinan exemplares das súas obras, a partir das 20.00 horas. A escritora galega presenta ademais a súa última obra Melodía de días usados.
A tradicional homenaxe a Brañas centra as actividades do sábado 27. Trátase dunha iniciativa do Concello que cada ano lle dedica a un aspecto da cultura ligada a Carballo e á súa comarca e que este ano chega á súa quinta edición. No acto participan os artistas plásticos Xaquín Marín, Alberto Varela Ferreiro, Milagros Cotelo e Marilá, a partir das 21.00 horas. Durante a tarde hai actividades para os máis pequenos coa actuación da contacontos Fátima, que presenta o seu espectáculo Un mundo de contos, e coa presentación do libro de Alberto Varela, Ana Marciana no planeta vermello.
O último día da mostra, o domingo 28 de agosto, está dedicado ao quinto centenario da publicación do Quixote. Ás 13.00 horas organízase unha lectura popular da obra aberta a todos os que se queiran achegar. Os que participen neste acto serán agasallados cun exemplar. A homenaxe continúa pola tarde cun recital dramatizado do Quixote a cargo de María Inés Cuadrado, a partir das 20.00 horas. O domingo hai tamén un espazo dedicado aos nenos, a partir das 19.00 horas o mago David ofrece o seu espectáculo de maxia. Media hora máis tarde, Xosé Antón Neira Cruz presenta o seu libro A noite da raíña Berenguela.
A Feira do libro de Carballo está aberta ao público no Xardín municipal, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 21.30 horas. Na organización colaboran co Concello a Deputación da Coruña e Caixanova.