Programa de tarxetas-moedeiro para as persoas e familias en situacións de vulnerabilidade económica pola crise da COVID-19
Venres 3 de xullo do 2020
Logo da sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e a Cruz Vermella Española en Galicia, iniciouse a execución dun programa extraordinario de axudas económicas para a cobertura de necesidades básicas á poboación en situación de vulnerabilidade ocasionada pola COVID-19, articulado a través de tarxetas-moedeiro para a adquisición de produtos de alimentación, hixiene e farmacia.
A utilización destas tarxetas estará limitada aos establecementos que, de acordo coa Clasificación Nacional de Actividades Económicas vixente (CNAE 2009), se dediquen ao comercio ao por menor de produtos de alimentación, hixiene e farmacia.
Persoas beneficiarias do programa
As persoas e familias residentes en Galicia que se atopan en situación de vulnerabilidade económica, ben porque carecen de ingresos efectivos, ou ben porque os ingresos da unidade de convivencia non superan o importe que lle correspondería en concepto de tramo persoal e familiar de RISGA, de acordo coas contías establecidas para o ingreso mínimo e os complementos familiares (artigo 21 da Lei 10/2013, de 27 de novembro, de inclusión social de Galicia), e non son perceptoras de prestacións económicas regulares de periodicidade mensual (RISGA, PNC, IMV, RAI, prestacións por desemprego...):
UNIDADE DE CONVIVENCIA (núm. convivintes)
1 - (Ingreso mínimo) 403,38 €
2 - (Ing. mínimo + 14% IPREM) 478,68 €
3 - (Ing. mínimo + 26% IPREM) 543,22 €
4 - (Ing. mínimo + 36% IPREM) 597,00 €
5 - Límite máx. sen menores (120% IPREM) = 645,41 € / Límite máx. con menores (135% IPREM) = 650,78 €
6 - Límite máx. sen menores (120% IPREM) = 645,41 € / Límite máx. con menores (135% IPREM) = 704,56 €
7 - Límite máx. sen menores (120% IPREM) = 645,41 € / Límite máx. con menores (135% IPREM)) = 726,08 €
Contía das axudas económicas
As tarxetas-moedeiro cárganse con distintos importes de axuda económica en función do número de persoas integrantes da unidade familiar (1, 2 ou 3 ou máis):
- Unha persoa - Importe mensual: 150€ - Importe total (3 meses): 450 €
- Dúas persoas - Importe mensual: 200 euros - Importe total: 600 euros
- Tres ou máis persoas - Importe mensual: 300 euros - Importe total: 900 euros
Solicitudes
As solicitudes da tarxeta-moedeiro tramitaranse, con carácter xeral, polos/as traballadores/as sociais dos servizos sociais comunitarios municipais, na súa condición de profesionais de referencia do sistema galego de servizos sociais.
Para facilitar a súa tramitación, habilítase un mecanismo sinxelo (prescrición facultativa do profesional de referencia) a través da Historia Social Única Electrónica (HSUE), que permite formalizar a solicitude coa elaboración e sinatura do informe de solicitude da tarxeta, desde o apartado correspondente de HSUE: “Informes Sociais → T. Moedeiro”.
ATENCIÓN: para maior axilidade, o/a profesional de referencia asinará electronicamente o formulario de solicitude na HSUE sen necesidade solicitar a sinatura da persoa solicitante, porque coa sinatura dos/das profesionais de referencia xa se lle envían automaticamente os datos á Cruz Vermella para que poida continuar coa xestión das solicitudes e se encargue de solicitar a sinatura da persoas beneficiarias.
A continuación, a Cruz Vermella xestionará as solicitudes recibidas e contactará coas persoas adxudicatarias das axudas para acordar o xeito de entrega das tarxetas, que poderá facerse nunha oficina de atención da Cruz Vermella ou no domicilio da persoa que debe recibir a tarxeta, por calquera medio que deixe constancia da súa entrega efectiva, e que haberá de facerse con todas as garantías de seguridade sanitaria. Se fose imprescindible, poderase enviar tamén por correo ordinario.
As tarxetas entregaranse precargadas coa cantidade correspondente á unidade de convivencia, no primeiro dos 3 meses de vixencia.
No momento da entrega as tarxetas estarán desactivadas. A Cruz Vermella, de acordo coa entidade bancaria, facilitará as instrucións para a activación e mais a axuda técnica ás persoas usuarias que a necesiten, ou realizará a activación posterior das tarxetas e informaraas cando estean operativas.
Nos dous meses seguintes, o importe mensual correspondente recargarase na tarxeta de xeito automático, sen necesidade de ningunha actuación ou desprazamento por parte da persoa á que se lle entregou a tarxeta.
A Cruz Vermella informará ás persoas ás que se lle entreguen as tarxetas da obriga de conservar os tíckets ou facturas das compras efectuadas coas mesmas, e de aportalas, no caso de que así lles sexa solicitado por parte da entidade, a efectos de poder comprobar que a natureza dos gastos efectuados se corresponde coa esixida polo programa.
A Cruz Vermella tamén poderá, de xeito subsidiario e complementario, tramitar estas axudas para aquelas persoas que non estean rexistradas en HSUE e non fosen dadas de alta no dito sistema de información polos servizos sociais comunitarios municipais.
Para a coordinación coa Cruz Vermella, a canle preferente de contacto será a través do correo electrónico, no enderezo galicia@cruzroja.es (é conveniente facer constar nas mensaxes a forma de contacto preferida). Tamén poderá contactarse por teléfono, no número 981221000, extensións 38323 (Loreto Somoza) ou 38322 (Sandra López).
Con este programa preténdese ofrecerlles aos servizos sociais comunitarios municipais un recurso ao que poder derivar a demanda extraordinaria de servizos e prestacións que están a recibir a consecuencia da crise xerada pola COVID-19.
Este programa foi deseñado
- De acordo coas recomendacións do Catalogo de boas prácticas de servizos sociais de atención primaria fronte á situación da pandemia da COVID-19, publicado pola Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais de España: https://www.directoressociales.com/noticias/455-catalogo-de-buenas-pr%C3%A1cticas.html que propugna como único requisito para facilitar o acceso ás prestacións o da “prescrición facultativa do Profesional de Referencia” e mais a utilización de tarxetas-moedeiro como medio preferente para a articulación das ditas prestacións.
- Consonte o previsto no “Documento técnico de recomendacións para responsables políticos e persoal directivo dos servicios sociais de atención primaria ante a crise pola COVID-19 https://www.mscbs.gob.es/ssi/familiasInfancia/ServiciosSociales/docs/Covid19/Rec_politicos.pdf aprobado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, que tamén fai unha chamada a “priorizar as prestacións económicas mediante ... tarxetas-moedeiro”, así como a apoiarse nos recursos das entidades del terceiro sector “para atender necesidades de urxencia provocadas pola epidemia do coronavirus”.